O sábado 9 de xuño, ás 20:00 horas, presentarase o libro colectivo Dez por dez (Abrente Editora) no Centro Social Henriqueta Outeiro (Rúa Quiroga Palácios, 42, baixo, Compostela). Contarase coa participación da e dos autores: Artur Alonso Novelhe, Suso Bahamonde, Maria Lado, Igor Lugris, Kiko Neves, Carlos Quiroga, Baldo Ramos, Concha Rousia, Sechu Sende e Ramiro Vidal.
Arquivo da categoría: Edición
Lois Diéguez presenta “O canto do muecín” n’A Coruña
O canto do muecín, novela de Lois Diéguez editada na colección Central Literaria de Edicións A Nosa Terra, presentarase na Coruña o día 14 de xuño ás 20:30 horas en “Portas Ártabras” (Rúa Sinagoga, 22). Desde as 18:30 horas o autor estará no mesmo lugar para a asinatura de libros. Organizan a A.C. Alexandre Bóveda e os Amigos dos Museos de Galicia.
Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.
Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.
Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)
Presentación d'”Os ríos pasan cheos de Deus”, de Victorino Pérez
A Galería Sargadelos albergará a presentación do libro de Victorino Pérez Prieto Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego, editado por Nume. No acto intervirán, ademais do autor, Xaime Bello e Martinho Montero Santalha. Será o martes 29 de maio ás 20:00 horas.
Presentación do “Dicionario María Mariño” en Brión
O Dicionario María Mariño de Esperanza Mariño Davila será presentado no Centro Social Polivalente de Brión (A Maía) o martes 29 de maio ás 21:00 horas. No acto intervirán o escritor e poeta Miro Villar, o alcalde de Brión Xosé Luís García García, o director editorial de 3C3 Antonio Puentes Chao e a propia autora.
Suso de Toro en Carballo
O Concello de Carballo e a Cervexaría San Xoán promoven unha conversa con Suso de Toro, autor de Home sen nome, dentro do proxecto Literactúa, de difusión do libro e da lectura en galego. Será o mércores 30 de maio de 2007 ás 20.30 horas na Cervexaría San Xoán (Rúa de Ourense, 8-10, Carballo)
Presentación d'”O son das buguinas” en Vigo
O mércores 23 preséntase na Casa do Libro de Vigo O son das buguinas, libro-dvd colectivo sobre a tsunami (Implicadas/os no Desenvolvemento e Edicións Xerais de Galicia). Contarase coa presenza de Fran Alonso, Dolores Ruíz e María Reimóndez.
Recital sobre a poeta canadense Erín Moure en Vigo
O martes 22 de Maio de 2007 ás 20:00 horas, na Casa de Portugal de Vigo (onde está o Instituto Camoens), terá lugar un “Recital transcreativo” que contará coa presenza de Oana Avasilichioaei, Erín Moure, Chus Pato e María Reimóndez. Ofrecerá textos da poeta canadense Erín Moure (tradutora de Chus Pato) que sairá traducida en Galaxia en breve.
Presentación d’ “O alento da musa”, de Alberte Momán
O venres 25 de maio de 2007, ás 19:30 horas no Ateneo de Ferrol (Rúa Magdalena, 202), presentarase o libro de narrativa de Alberte Momán O alento da musa (Difusora de Letras, Artes e Ideas). O acto contará coa presenza do autor.
Convocatoria australiana sobre a literatura actual
Desde a revista Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) chega a convocatoria do número XXII coa intención de documentar o “Panorama da escrita en lingua galega entre os séculos XX e XXI”. É un proxecto que nace da colaboración entre Antípodas (Journal of Hispanic and Galician Studies) e a Universidade da Coruña:
“Convidamos a participar neste volume dedicado a escrita actual en galego a todos os especialistas e investigadores no eido da literatura galega no cambio de século (aproximadamente entre 1990 e hoxe), aínda que tamén poden remitirse artigos en torno a literatura escrita en lingua galega e publicada despois do ano 1975. Antípodas pretende poñer ó día o momento literario de Galicia e, asemade, presentar un panorama dos autores máis novos que están xa a publicar con éxito. Estamos á procura de artigos orixinais que permitan olladas novedosas, diferentes enfoques da crítica, e, nesa mesma liña, aportacións no eido poscolonial, a literatura comparada ou os estudos de xénero. Os traballos deberán versar, preferentemente, sobre a producción literaria de autores en lingua galega que acadaron un certo nivel de notoriedade a partir do ano 1990, e aqueles outros máis novos que están agora acadando os primeiros recoñecementos polo seu labor literario. Antípodas desexa, deste xeito, analizar a situación da literatura en galego e tamén as súas perspectivas cara ó futuro máis inmediato […].”
Prazo para o envío dos traballos completos: 15 de Decembro de 2007. Pódese obter máis información na web da revista.