Fina Casalderrey, homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Fina Casalderrey é a autora homenaxeada no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que comeza o próximo domingo 1 de febreiro. Mutacións xenéticas, Quen me quere adoptar? ou A lagoa das nenas mudas son algúns fitos na carreira dunha escritora que conta entre os seus premios co Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1996 pola obra O misterio dos fillos de Lúa.

Fina Casalderrey foi a encargada de facer a laudatio do autor ao que se lle rendeu tributo na anterior edición do Salón do Libro, Xabier P. Docampo. Poden ver o vídeo desa intervención neste enderezo.

Compostela: XI Encontros para a Normalización Lingüística

Organizados polo Consello da Cultura Galega, os días 12 e 13 de febreiro celebraranse en Santiago de Compostela os XI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que teñen coma obxectivos “contribuír ao estudo, á reflexión e ao debate sobre a planificación lingüística en Galicia; constituír un punto de encontro, análise e debate para todos aqueles profesionais que desenvolven o seu labor nos diferentes servizos de normalización lingüística e servizos lingüísticos existentes en Galicia, e colaborar na formación continua de especialistas en planificación lingüística”. Os Encontros van dirixidos principalmente a técnicos/as de normalización lingüística e a especialistas e estudosos/as do ámbito da planificación lingüística. A inscrición pode realizarse a través desta páxina web.

I Semana do mar en Compostela, do 22 ao 26 de outubro

«Galicia é un país debuxado por rías que penetran ducias de quilómetros no interior. Actualmente a maioría da poboación galega habita nas áreas litorais e nas súas zonas de influencia. Galicia é historicamente unha potencia pesqueira de nivel internacional e base dunha das frotas extractivas máis importantes. Tamén conta cunha actividade extractiva e de cultivo nas augas territoriais que constitúen o alicerce dunha potente industria conserveira e de produto fresco.
Froito da súa historia, Galicia ten ademais un patrimonio material e inmaterial que reborda a vertente estritamente económica para conformar unha cultura mariñeira que impregna toda a sociedade.
Así pois, a nosa dependencia do mar xera diálogos moi complexos que precisan análises globais que nos permitan actuar do xeito máis realista e racional posible.
FERNANDO GONZÁLEZ LAXE – MARÍA DO CARMO GARCÍA NEGRO – JUAN M. VIEITES BAPTISTA DE SOUSA – XOÁN LÓPEZ ÁLVAREZ – JOSÉ LUÍS GONZÁLEZ ESCALANTE – MANUEL SOTO CASTIÑEIRA – UXÍO LABARTA – FRANCISCO PELETEIRO – XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO – FERNANDO OTERO LOURIDO – LUÍS REI – FERNANDO PIÑEIRO – MARÍA XOSÉ CACABELOS – DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ – FRANCISCO FERNÁNDEZ REI»
(Descarga a programación da I Semana do Mar – PDF, 340 Kb) (Sotelo Blanco Edicións)