O cubil das letras de… Jorge Emilio Bóveda

Desde Lermos.gal:
“(…) Meu cubil está na bufarda da casa na que vivo. Ten andeis con libros non rigorosamente clasificados inda que sigan unha disposición de certa lóxica. Amoreo libros en galego, inglés, portugués e castelán, e meus temas predilectos son a historia, divulgación científica, narrativa galega, narrativa española dende o século XVIII en diante, literatura sudamericana, cine fantástico, esoterismo, filosofía, pedagoxía, filosofía, novela negra, ficción científica…
Para min é máis importante ler ca escribir. Inda que ás veces resulte difícil por mor dos ditados da vida. Procuro alimentar a biblioteca con certa periodicidade e a medida que os ingresos mo permiten.
Nun dos andeis gardo os cadernos con todos meus traballos literarios, xa que o primeiro borrador de cada obra é escrito sempre a man, con estilográfica ou bolígrafos de tinta líquida.
Pero, inda que este lugar semelle o tobo ideal para un creador, o certo é que miña dispersión me obriga a levar libros e cadernos pola casa adiante, recalando no dormitorio, no cuarto de baño, na cociña ou no coche. Sendo o zulo o singular Heorot ao que regreso todas as noites para facer memoria e alimentar o esquecemento. É así.”

O cubil das letras de… Xabier P. DoCampo

DesdeXabierDoCampo 2 Lermos.gal:
“(…) Este é o recuncho onde paso o máis do día e de xeito especial desde que, hai case dez anos, me xubilei. Aquí leo, escribo, penso e recibo a algúns amigos que teñan gana de botar unha parrafeada. Como se ve, aínda que na foto non sae o cuarto enteiro, estou rodeado de libros (hai outros dous cuartos da casa destinados a acubillar os moitos libros que fun acumulando ao longo da vida), de recordos e dalgunhas das ilustracións (tamén hai moitas máis pola casa adiante) que me agasallaron os ilustradores dos meus libros. Por diante dos libros, ademais de recordos de viaxes e agasallos, hai tamén fotos de momentos da miña vida e dos meus seres queridos ou fotos varias da autoría da mesma persoa que fixo a que aquí podedes ver. Tamén as hai de Castelao, Rosalía de Castro, Bóveda e dos amigos Uxío Novoneyra, Manuel Maria, Paco Martín ou Agustín Fernández Paz. E múltiples debuxos do meu benquerido amigo Xosé Cobas, ligados algúns deles a momentos especiais da miña vida ou do noso traballo en común.
A mesa, como se ve, está chea de libros, papeis, revistas, cadernos… ademais do computador no que escribo ou leo a prensa cada día.
E mais nada, só que aquí tedes a vosa casa tod@s cant@s veñades de boa fe.”

Xabier P. Docampo Lermos(Fotografia: DNL)