Participación da AELG na AchegArte (fotos)

A presenza da Asociación de Escritores en Lingua Galega foi tan relevante ao menos como na pasada edición do Cultur.gal. Este ano, ademais de atender un stand propio durante os dous días de feira, foron gravadas 22 socias e socios a falaren da súa máis recente actividade e participaron na lectura literaria organizada pola Asociación por volta de 35 persoas, con importante afluencia de público.

AELGAchegArte [Mercedes Queixas no stand da AELG. A foto é de Alfredo Ferreiro]

AELGAchegArte2[Alfredo Ferreiro, Cesáreo Sánchez e Xabier P. Docampo. A foto é de Antonio Iglesias]

img_6521[Público da actividade “Lecturas compartidas”. O público foi abondoso en todas as intervencións, realizadas desde a parte oculta do sofá da foto. A foto é de Ghanito]

Inaugurada a Feira AchegArte

A Feira AchegArte abriu esta mañá as súas portas na Coruña nos dous espazos do Palexco e o Kiosco Alfonso. O horario de apertura da Feira hoxe sábado pola mañá é de 10:30 a 14:30. A música, a literatura, o audiovisual, as artes plásticas… todas as manifestacións da cultura que facemos están representadas no AchegArte. Proxeccións de curtas e documentais na sala Azimut; teatro e música nos escenarios do segundo andar; actividades de animación e obradoiros por todo o Palexco; danza e galerías de arte no Kiosco Alfonso… A Asociación de Escritores en Lingua Galega dispón dun stand no andar do Palexco, perto da entrada principal, onde desenvolveremos diferentes actividades ao longo do sábado e o domingo. Permanecede atentos a este blog.

Axenda AchegArte

A Consellería de Cultura renuncia a organizar este ano o Culturgal

A Consellaría de Cultura non fixo aínda ningunha comunicación oficial, mais segundo informa hoxe Vieiros “o director xeral de Promoción e Difusión da Cultural, Francisco López, comunicoulle o venres pasado á Asociación Galega de Editores que a Consellaría non conta con orzamento suficiente para organizala nos meses que restan de ano, aínda que se comprometeu a apoiar a súa celebración no ano 2010”. [Ler noticia completa en Vieiros]

Noticia relacionada: A Concellaría de Cultura da Coruña expresa o seu malestar pola decisión da Xunta de non convocar este ano o Cultural

Programa de actividades da Consellería de Cultura na 35ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires

Sábado 25 de abril ás 19:00, Sala Jorge Luis Borges: Día de Galicia. Participan: Víctor Freixanes, Xabier P. Docampo e Maria Rosa Lojo. Ás 19:30 concerto de Treboeiro Orquestra Galega.

Domingo 26 de abril ás 18:00, Sala Roberto Arlt: Obradoiro de ilustración para nenos. Participan Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.

Luns 27 de abril ás 18:30, Sala Adolfo Bioy Casares: Homenaxe ao libreiro Francisco Gil. Participan: Antonio Pérez-Prado, Eustasio García, Carlos Penelas e Nilda Magnaghi. Modera: Ruy Farías.

Martes 28 de abril ás 19:30, Sala Alfonsina Storni: Conferencia “La percepción a través de los sentidos” por Xosé Cobas.

Mércores 29 de abril ás 20:30, Sala Domingo F. Sarmiento: Presentación Letras de Galicia (antoloxía de narrativa e revista). Interveñen Xabier P. Docampo, Xosé Cobas e Graciela Deza. Modera: Débora Campos.

Máis información: páxina web da Feira do Libro de Bos Aires.

Feira Internacional do libro da Habana

«[…] Na delegación galega, amais de tres persoas para facerse cargo do stand, irán para participar en presentacións de libros, conferencias e obradoiros, tanto na propia Feira coma na Cátedra de Galego ou no Instituto de Literatura e Lingüística, os escritores Anxos Sumai e Paco Martín, o ilustrador Xosé Tomás, Xabier Cid, escritor e coordinador da publicación “Letras de Galicia”, e o músico Ramom Pinheiro, músico e autor do estudo “As viagens dos grupos de musica tradicional a América antes de 1936”, entre outras investigacións sobre a pegada da música galega en América.» (A Nosa Terra)