O barco literario que promociona o Camiño partirá para Padrón o 4 de agosto

“Entre os tripulantes atópase unha selección de escritores galegos e doutros puntos de España entre os que figuran recoñecidos nomes como Rosa Regás, Juan Manuel de Prada, Fernando Marías, Espido Freire, Marta Rivera de la Cruz, Luisa Castro ou Xulio López Valcárcel.

A aventura, que se iniciará o vindeiro 4 de agosto, forma parte do proxecto «Traslatio Literaria e Xacobea» e está promovida pola Consellería de Industria a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. En total, a Xunta investirá 450.000 euros neste proxecto ideado pola Asociación de Amigos do Camiño da Comunidade Valenciana.” (ABC.es)

A Nosa Terra celebra o seu primeiro centenario

“Tres exposicións e a edición dun libro conmemoran o primeiro centenario do nacemento da publicación A Nosa Terra. O delegado de edición, Xosé Fernández Puga, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asinaron esta mañá un convenio de colaboración co que pretenden facer un percorrido polos cen anos desta cabeceira.” (Xeración Web)

Presentacións de libros e outros actos n’ “Os venres da memoria” en Cuntis

cartaz-vitimas-republicanas.jpgA asociación O Meigallo e a Comisión pola Memoria Historica Sinhor Afránio (que integra colectivos do norte da provincia de Pontevedra) convocan en Cuntis “Os venres da memória”. Todas as actividades serán ás 21:00 horas na casa da Cultura Roberto Blanco Torres.
O 6 de xullo terá lugar a presentación de dous libros relacionados con Xoán Xesús González: a biografía de Marcos Seixo Galegos Na Historia (Ir Indo) e a edición póstuma da obra de teatro Felisa (XXG). Participará Matías Rodríguez (secretario do “Sinhor Afranio”), Marcos Seixo (autor da biografía e editor da obra de teatro), Bieito Ledo (presidente de edicións Ir Indo) e Carlos Loureiro (en representación de edicións Fervenza).
O día 13 haberá un acto titulado “O dereito a saber e a liberdade de investigar”. Participarán Marcos Seixo, Xosé Luís Santos Cabanas, e o historiador Dionísio Pereira.
O día 20 proxectarase un documental titulado A derradeira lección do mestre, que será presentado e comentado polo seu propio autor Xoán Carlos Garrido.
O día 17 clausuranse as xornadas cunha homenaxe aos represaliados de Cuntis e as súas familias. Intervirá Ana Vieitez, filla do que foi mestre republicano de Magán (Cuntis) Xosé Vieitez de Soto e presidenta de AFAR II REPÚBLICA (Asociación de familiares y amigos de los represaliados de la II República por el Franquismo), con sé en Madrid.

Presentación en Ourense d’ “Os escritores galegos ante a guerra civil española”, de Xesús Alonso Montero

O xoves día 28 de xuño, ás 20:15 horas no Salón Nobre do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación do libro Os escritores galegos ante a guerra civil española, de Xesús Alonso Montero. Intervirán no acto Marcos Valcárcel e o autor. (Liceo de Ourense)

Conferencias de Ignacio Ramonet e Ramón Chao en Redondela e Lugo

Redondela (no Multiusos da Xunqueira) o xoves 21 e Lugo (no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, Pza. de Santa María) o venres 22, serán os escenarios nos que Ignacio Ramonet e Ramón Chao falen sobre “A guerra e a paz hoxe. Xeopolítica dos conflictos contemporáneos” e máis sobre “A guerra contra os pobres”, en conferencia conxunta. Será dentro do ciclo “Os latexos do mundo”, levado a cabo neste primeiro semestre do ano polo Club Internacional de Prensa coa colaboración de Le Monde Diplomatique.