Yolanda Castaño acudirá ao XIIIº Festival Internacional de Poesía de Xénova

Yolanda Castaño acudirá ao XIIIº Festival Internacional de Poesía de Xénova como única representante do estado español, despois de ser convidada a través do Ministerio de Cultura. “Novos formatos para a difusión da poesía, proxectos interdisciplinares e xéneros híbridos. Dende o hip-hop ás homenaxes poéticas a Rumi, a Rimbaud, a Ginsberg, a Bukowski ou a Jim Morrison, roteiros poéticos e concertos. En consonancia con todo isto, Yolanda Castaño ofrecerá, o martes 19, un pequeno espectáculo poético, recitando textos sobre bases musicais pregravadas e proxectando varias pezas de videopoesía das que é autora. Ademáis, sen abandonar o norte de Italia, o xoves 23 a santiaguesa-coruñesa ofrecerá outra actuación no Instituto Cervantes de Milán.”

200.000 Euros para traducir obras desde e para o galego

“A Consellaría de Cultura destinará este ano 95.700 euros e outros 104.300 o ano que vén para contribuír á tradución de obras literarias galegas a outras linguas e viceversa. […] “As axudas están dirixidas ás editoriais e valoraranse, entre outros criterios, a calidade da obra e o seu interese.” (Consellaría de Cultura e Deporte)

Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)

GZ CREA 2007: Certame galego de creadores novos

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade organiza neste certame galego de creadores novos, que inclúe as especialidades de relato, poesía, artes plásticas, moda, música, audiovisual, banda deseñada, grafitti, cartaces, artes do movemento e composición para banda de música. Idades: entre 16 e 30 anos. Prazo envío de solicitudes: ata o 13 de xullo.
A AELG é membro asesor deste premio. Máis información aquí.

Iº Curso de verán de Lingua e Cultura Galegas paraestranxeiros da Universidade da Coruña

“O curso terá unha duración de 80 horas lectivas e desenvolverase ao longo do mes de xullo (do 2 ao 27), na Facultade de Filoloxía da Coruña. Este ano ofertaremos só o nivel elemental, isto é, o de iniciación á lingua galega, se ben nos próximos anos ampliaremos a oferta aos niveis superiores.” Máis información no seguinte enderezo: 

carme@udc.es