Euskadi, Cataluña e Galiza coordinaranse para o apoio á cultura

«Os titulares de Cultura de Cataluña, Euskadi e Galiza asinaron por primeira vez unha declaración institucional –a Declaración de Compostela- entre os tres gobernos das nacionalidades históricas do Estado español, na que se comprometen a colaborar en materia de patrimonio cultural, artes, industrias culturais e cultura popular.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

A revista mexicana Reverso publica un monográfico de poesía galega

«A revista mexicana Reverso presentou onte na Feira de Guadalajara a súa nova entrega, que inclúe un monográfico sobre poesía galega. O director da publicación, Carlos López de Alba, subliñou a “magnífica saúde” deste xénero en Galicia.

No mesmo acto, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, referiuse ás pontes recuperadas entre Galicia e México e a persoeiros galegos que viviron no país americano, como Carlos Velo, Lorenzo Varela ou Elixio Rodríguez.

O monográfico recolle poemas de Luz Pozo Garza, Xohana Torres, Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello, Eva Veiga, Olga Novo, Yolanda Castaño e Emma Pedreira, acompañados por ilustracións de Alfonso Costa. […]» (Xeración Web)

III Simposio Internacional Letras na Raia

Os días 23 e 24 de novembro celebrarase o III Simposio Internacional Letras na Raia, que co lema “Cinema e Literatura”. Terá lugar no Pazo da Cultura do Concello de Pontevedra.
«Estes encontros naceron para establecer relacións entre os novos/as creadores/as literarios/as das dúas culturas, para (re)coñecérense, compartiren puntos de vista e opinións, creando un diálogo positivo fronte os problemas e situacións comúns. Para iso contamos co patrocinio fundamental da D.X. de Xuventude e Solidariedade.
O simposio deste ano tratará as relacións entre cinema e literatura, cunha conferencia do escritor Xavier Queipo e unha serie de mesas redondas». Ver programa. (AELG)

“Ponte…nas ondas!”: pola candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

«Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! informámosvos da primeira das accións para reactivar a sensibilización social en relación coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
Trátase agora dunha primeira acción arredor do 25 de novembro ( data na que en 2005 non foi proclamada esta Candidatura ). O próximo venres 23 de novembro imos encher as pontes do Miño entre Galiza e Portugal de mozos e mozas que van pedir novamente unha nova oportunidade para o patrimonio común galego-portugués co lema: 1 PATRIMONIO PARA O FUTURO.
Ademais de facer a coreografía do Máis Perto de Meniños Cantores (videoclip gravado por máis de 500 xoves na ponte entre Tui e Valença), nesta ocasión imos multiplicar por 4 esta imaxe. Máis de 2.000 persoas unirán coas súas mans as dúas beiras do Miño. Farase unha solta de globos ( azuis, brancos, vermellos e verdes ) simultánea en cada unha das pontes. Para facilitar o labor dos xornalistas vaise facer secuenciado temporalmente como segundo o horario indicado na nota adxunta.» (Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!)

Marisa Núñez galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil

«A autora galega Marisa Núñez ven de ser galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil, concedido pola Fondation Espace Enfants (FEE) de Suíza pola obra CHOCOLATA, publicada por OQO Editora. Este premio convócase cada dous anos desde hai dúas décadas en St. Pierre des Clages, Vila Suíza do Libro.
A obra, escrita por Marisa Núñez, está ilustrada pola austríaca Helga Bansch e foi publicada por OQO Editora en galego, castelán, catalán, inglés, francés e portugués…» (Asociación Galega de Editores)