Xavier Queipo será un dos poetas oficiais da cidade de Bruxelas

“O escritor compostelán afincado en Bruxelas Xavier Queipo é un dos elixidos para representar a poesía urbana da cidade belga dentro do festival da comunidade flamenga, Gulden Ontsporing, que comezará o vindeiro 11 de xullo. Queipo é un dos catro poetas de diversas linguaxes e culturas seleccionado para formar parte dun colectivo de poesía urbana representativo desta cidade no que tamén están un flamengo, un francés e un marroquí. Este colectivo de poetas urbanos multicultural fará cinco recitais ao ano comezando este 11 de xullo, cando lerán en público na institución cultural de Buren os seus poemas, entre os que haberá un creado para a ocasión.” (culturagalega.org)

“Máster en lingua e usos profesionais”, na Universidade da Coruña

“O Máster en lingua e usos profesionais forma parte do programa oficial de posgrao Lingua e usos profesionais da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Cursar o máster completo conduce á obtención do título oficial de “Máster en lingua e usos profesionais” na especialidade escollida (español, galego ou inglés). Este título, novo e único en todo o sistema universitario galego, ten validez en toda a Unión Europea. […] Porque o mercado laboral demanda persoas cunha alta cualificación lingüística que saiban actuar en entornos multidisciplinares, posúan habilidades comunicativas, coñezan e manexen linguaxes específicas, dominen o entorno virtual e as novas tecnoloxías, saiban xestionar e organizar a información e poidan crear contidos para calquera medio ou soporte.” (Facultade de Filoloxía – Universidade da Coruña)