Habanera conmemorativa do centenario do Himno galego n’ A Estrada

O sábado 30 de xuño, ás 21 horas no Teatro Principal da Estrada, terá lugar a estrea da habanera galega Cen anos hai, conmemorativa do Centenario do Himno galego. A interpretación estará o cargo ao cargo da Coral Polifónica Estradense, que actuará acompañada da Agrupación Coral Pazo de Oca e da Coral do Centro Social da Estrada. O texto do libreto repartirase no acto xunto coa partitura. A organización quere lembrar o feito de que “a idea de compoñer unha habanera en galego xurdiu na mesma cidade da Habana, e precisamente no mesmo lugar onde tivera lugar a solemne estrea do Himno Galego.”

Viaxe literaria á Lóuzara de Fiz Vergara

A viaxe literaria á Lóuzara de Fiz Vergara, no día 16 de xuño, completarase coa actuación de musical de Uxía na Fonte da Cova, xunto ao vello muíño. Neste mesmo lugar terá lugar un recital de poemas do Fiz aos que poñerán voz, entre outros: Isidro Novo, Marica Campo, Xosé Manuel Beiras, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Valentín Arias, e Margarita Ledo.

Exposición de Alfonso Costa sobre Níxer en Ferrol

Na Galería Sargadelos Ferrol vaise inaugurar a exposición de Alfonso Costa, con fotografías e gravados sobre Níxer. O acto terá lugar o xoves 7 de xuño, ás 20:00 horas. Presentará o acto o escritor Francisco X. Fernández Naval. Actuará o Grupo Ouriol, formado polos músicos: Fito Ares, Bernardo Martínez e a poetisa Eva Veiga. Tamén recitarán poemas sobre Níxer Alfonso Costa, Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval. A exposición permanecerá aberta ata o 29 de xuño.

Presentación en Viveiro de “Farrapos de nube”, de Xoán Neira

O mércores 6 de xuño, ás 20:30 horas, presentarase o libro Farrapos de nube, poemario infantil de Xoán Neira publicado por Baía Edicións. O acto, organizado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro na aula de Caixa Galicia de Viveiro, contará coa intervención, ademais do autor, de Carlos Nuevo, Emilio Xosé Insua. Tamén será ofrecido un recital poético musical a cargo de nenas e nenos do Cep. Lois Tobío.

“Cultura e artes do Portugal contemporâneo”: curso en Compostela

Do 10 ao 13 de xullo realizarase o curso de verán titulado “Cultura e Artes do Portugal Contemporâneo” na Faculdade de Filosofia da Universidade de Santiago de Compostela. Dedicará un día a cada un dos temas: audiovisuais, música, moda e artes do palco. Serán catro mulleres (especialistas nas respectivas áreas) a tratar de cada painel durante os catro días. Máis información aquí. (Instituto Camões – Galiza)