A primeira ópera galega dos últimos 80 anos

«Unha alegoría sobre a fin da vida, entendida como un feito natural, sen excesivas tinguiduras tráxicas. É a cerna de Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, a primeira ópera galega que se estrea en 80 anos. O Teatro Colón da Coruña acollerá, o vindeiro 13 de setembro ás 21:00 horas, no seo do Festival da Ópera, este acontecemento histórico.

O compositor Juan Durán e o dramaturgo Manuel Lourenzo son os creadores desta obra. “Foi un encargo de Juan Durán. Díxome que quería un libreto para unha ópera de cámara… Deume unha idea que me pareceu sórdida pero moi bonita… O resultado está publicado en Laiovento”, comentou Lourenzo. […]» (Galicia Hoxe)

Galiza nom se vende: XXII Festival da Poesia do Condado

Coa lexenda “Galiza nom se vende”, desde 4 de setembro Salvaterra acollerá unha nova edición do «Festival da Poesia no Condado». Ofrecerá, como acostuma, un amplo programa que inclúe pintura, fotografía, poesía visual, música e poesía. Entre os poetas do programa figuran Marica Campo, O Leo, Kiko Neves, Carlos Figueiras, Valentina Carro, María Lado, Xiana Arias, Pedro Casteleiro, Paco Souto, Concha Rousia, Cruz Martínez, Alberto Lema, Igor Lugrís, Lino Braxe, Chus Pato, Pilar Beiro, Núria Martínez Vernís (Països Cataláns), Limam Boicha (Saara) e Isaque Ferreira (Portugal). Vexa o programa na páxina da SCD Condado.

Xoán Carballo, poeta ambulante

«Seguindo a liña da “Volta ás Rías Galegas en verso” e de “Elaborando o meu delirio”, presento a nova xira que levará A casa do poeta polos pobos da nosa terra, recuperando as vellas tradicións trobadorescas e levando a cultura ás rúas, as prazas… Convertendo este proxecto nun espectáculo en movemento, que eleve a poesía e outras artes tamén con menos repercusión ao lugar que lle corresponde, amosando un anaco máis da diversidade cultural de Galicia.» (Xoán Carballo)

I Encontro Cidade da Coruña

Os próximos días 18 e 19 do mes que andamos a Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e Cedro, o I Encontro Cidade da Coruña, unha actividade que nace coa pretensión de estenderse a outras cidades do país.
O venres 18 de xullo celebrarase unha mesa redonda que, baixo o título “Narrativa con memoria histórica”, contará coa presenza de Lidia Jorge, Carme Riera e Manuel Rivas. Será na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12).
O día seguinte, no Teatro Rosalía de Castro, con presentación de Antía Otero, está previsto un recital poético e lectura de textos a cargo de Marica Campo, Yolanda Castaño, Lidia Jorge, Luz Pozo, Carme Riera, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras e Xavier Seoane, alén da actuación musical de “Carmen Rey Grupo”, cun son próximo do rhythm and blues, coa esencia do funk e do jazz.
A entrada é de balde até completar aforo. (Gabinete de Comunicación da AELG – Tfno: 660 530 525 – correo-e: prensa@aelg.org)

Música e poesía en Cabana de Bergantiños

«Este venres 11, a partir das 22:00, celebrarase na Praza de Neaño a ‘Noite da música e da poesía’ en homenaxe a poetisa local María Baña Varela e do compositor do Balado (Neaño) Xosé María Álvarez Canto. Recitarán o poeta de Canduas Óscar de Souto e o malpicán Paco de Tano. Tocarán o acordeón As dúas e Xesús Couto e os seus acordeóns.» (Concello de Cabana de Bergantiños)

Homenaxe a Manuel Curros Enríquez en Compostela

«O martes 24 de xuño a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais convídante aos actos de homenaxe a Manuel Curros Enríquez co seguinte programa de actividades:

-Conferencia de Pilar García Negro. “A defensa da lingua galega en Curros Enríquez”. Ás 20:00 horas no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16).

-Concerto homenaxe a Curros Enríquez. María José Ladra / Antón de Santiago / Cítola: “Na frente unha estrela”. Ás 21:00 horas no Teatro Principal.»

“Unha noite na biblioteca” de Gondomar

«O vindeiro sábado 21 de xuño celebraremos unha experiencia innovadora e atrevida no ámbito do fomento da lectura: unha noite na biblioteca, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar. O programa […] consta de dúas partes. A primeira é para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia é totalmente libre e celebrarase no exterior, na Praza de Portugal, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrarase na biblioteca e é necesario inscribirse. Hai 25 prazas e daráselle preferencia aos nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades de fomento da lectura (Contomar ou Lendo Contigo). Estamos seguros de que será unha fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca. […]» (Espazo Lectura)