Mañá saberemos quen gañou o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

A Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura do Concello de Sárria convocan aos medios de comunicación e ao público en xeral ao acto de apertura da plica da obra gañadora da novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que se levará a cabo mañá sábado 14 de marzo, ás 13:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Sárria. Este acto levarase a cabo logo da derradeira reunión dos membros do xurado, composto polo Concelleiro de Cultura de Sárria, Xermán Arias, a Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos, María Casar (ambos con voz e sen voto) e os poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés.

O Consello da Xunta declara a Casa de Castelao Ben de Interese Cultural

Comunicado da Fundación Castelao trala declaración de Ben de Interese Cultural que vén de outorgarlle o Consello da Xunta á Casa de Castelao:

No día de hoxe o Consello da Xunta vén de aprobar un decreto polo cal declara Ben de Interese Cultural, na categoría de “Sitio histórico”, a casa familiar dos Castelao en Rianxo.
A Fundación Castelao quere aproveitar esta ocasión para felicitarse por este acordo que servirá para mellor protexer unha casa que foi referente para o propio Castelao ao longo de toda a súa vida. Dna Teresa Rodríguez Castelao, Presidente de Honra desta Fundación, ata o seu pasamento en marzo do 2.000, gardouna tal e como Castelao a lembraba no seu exilio de Buenos Aires onde morreu o 7 de xaneiro de 1950. Alí conservou cadros, fotos, debuxos, cartas e todo canto de seu irmán puidou atesourar ao longo da súa centenaria vida.
A Fundación Castelao quere manifestar o seu agrado por esta decisión e pon de manifesto a necesidade de que esta declaración sexa o punto de partida para unha recuperación total da obra, o espírito e o legado enteiro de Castelao para coñecemento de todos os galegos e galegas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é quen mellor retratou a alma dos galegos. Sabendo das necesidades que Galicia tiña entregou a súa vida enteira á causa da dignificación dos máis humildes.
No decreto arguméntase que na biografía de Castelao “a casa familiar de Rianxo significou o punto de ida e permanente retorno, o lugar que foi entendido popularmente como un santuario de galeguidade, e así se entendeu sempre nos ámbitos culturais e sociais de Galicia. O domicilio familiar constituíu a súa referencia fixa na súa vila natal, e consecuentemente existía unha estreita identificación, privada e pública, de Castelao con aquel”. Para suliñar isto que se recolle no decreto queremos reproducir unhas palabras de Ramón Otero Pedrayo escritas ás irmás, Teresa e Josefina, con motivo do falecemento de Castelao: “A vdes toca ser los ángeles guardianes de esa casa y ese recuerdo que estará viviente en el ama de Daniel”. Estas palabras de Ramón Otero Pedrayo dirixidas en 1950 a Teresa e Josefina Rodríguez Castelao ecoan agora en nós e demándannos un compromiso na salvagarda do pensamento e a obra de Castelao.
Parabéns aos Rianxeiros e con eles a toda Galicia!

Manuel Rivas, titor da V Edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia

O escritor e xornalista Manuel Rivas vai ser o titor da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. O 16 de marzo pecha o prazo de recepción de proxectos de novela para este premio reservado aos menores de 25 anos, e será en xuño cando se coñeza o gañador/a que coa colaboración de Rivas terá a oportunidade de mellorar o seu orixinal. O autor, ademais, disporá de todo o mes de outubro para, se o desexa, permanecer aloxado con todos os gastos pagados na Casa Grande do Bachao de Pazos de Galicia e rematar o texto nun ambiente de tranquilidade. [Ler nova completa]

Cultura pon en marcha un programa de apoio ás presentacións de novidades editoriais nas librarías galegas

A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte quere incentivar as presentacións nas librarías de Galiza das novidades editoriais galegas. Con ese obxectivo puxo en marcha unha nova iniciativa para apoiar ás editoras do país na realización de actos nos establecementos libreiros (…) O obxectivo desta iniciativa é promover as presentacións de libros como puntos de encontro entre os autores e autoras e o público e como unha medida para mellorar a difusión das novidades das editoriais galegas. A proposta enmárcase dentro do programa Letras Vivas. Ao longo do primeiro semestre de 2009, as editoriais poderán solicitar o apoio da Consellaría de Cultura para realizar presentacións de libros, sempre ligadas a algunha das datas fixadas no Calendario das Letras [ver nova completa]

Aumenta substancialmente a contratación de teatro galego

«Valencia, Madrid, Castela e León, Castela A Mancha, Murcia, Euskadi, Aragón e Cataluña así como as localidades portuguesas de Estarreja, Moita e Porto programarán nos vindeiros meses un total de 143 funcións de teatro e danza galegas. Este é un dos froitos acadados na Feira Galega das Artes Escénicas 2008, recentemente pechada cun balance moi positivo.» (A Nosa Terra)