Xesús Fraga falará na Coruña sobre os seus autores fundamentais

O próximo martes 1 de abril, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, Baixo), Xesús Fraga falará sobre Michael Bond, Tolkien, Roald Dahl, Gerald Durrell, Auster, Cunqueiro, Ignacio Aldecoa, Martínez de Pisón e outros autores fundamentais para a formación literaria en xeral e, en concreto, para os participantes no “Taller de escritura para adolescentes” de dita biblioteca.

“A Coruña Son”: obradoiro de canción coordinado por Santiago Auserón

Do 24 ao 28 de marzo, en Palexco, a Concellaría de Cultura da Coruña organiza un obradoiro de canción impartido por Santiago Auserón. A inscrición para asistir como ouvinte é gratuíta, e tan só tedes que enviar un correo a cultura@coruna.es cos vosos datos persoais. O programa do evento pode consultarse na web de A Coruña Son.

O Centro de Creación Dramática do CDG acolle un obradoiro de escritura teatral a cargo de Lucas Pires

«O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) retoma a partir de hoxe a súa actividade en Compostela co inicio do terceiro obradoiro do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade II, impartido polo dramaturgo portugués Jacinto Lucas Pires e supervisado por Cándido Pazó, e da segunda parte do laboratorio de investigación e innovación escénica a cargo de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr. […] (Consellaría de Cultura e Deportes)

O oficio de traducir debullado na Coruña

O martes 4 de marzo (18:00 horas) na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga 10, B) Fernando Moreiras falará sobre o oficio de tradutor cos participantes no Obradoiro de escritura para adolescentes desta biblioteca. A súa última obra traducida para o galego foi A aurora boreal de Philip Pullman, novela recentemente levada a cinema.
A experiencia comezou o pasado mes de novembro e nel participan trece rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que xa pouideron coñecer ao vivo a autores como Miguelanxo Prado e Lino Braxe. As aulas maxistrais programadas para abril, maio e xuño serán impartidas por Xesús Fraga, escritor e xornalista, un autor dramático e un guionista de cinema aínda por confirmar. Con estas aulas a organización pretende mostrar todas las posibilidades que ofrece a escritura e romper os tópicos que rodean a profesión de escritor.

“Educar para ler”, campaña de animación á lectura da Galería Sargadelos de Ferrol

A Galería Sargadelos Ferrol realizará este sábado 1 de Marzo de 11 a 13 horas da mañá unha nova sesión da campaña de animación á lectura “Educar para ler” que ven realizando nos últimos anos. Nesta ocasión, a encargada da actividade é a actriz e escritora Fusa Guillén, quen traballará cos libros Pampón tiña razón e O segredo de Daniel, ámbolos dous pertencentes ao Colectivo Garola.

Obradoiro sobre a “arte de contar” na Coruña

Ao seu regreso de Londres, onde estivo realizando un entrenamiento sobre narración oral, a actriz María Inés Cuadrado ofrecerá un obradoiro sobre a arte de contar dirixido a todas aquelas persoas que queiran obter recursos para gozar desta máxica actividade.
Esta proposta consta de 15 horas de traballo intensivo sobre os estímulos para crear historias, o “aterezo” material e emocional do/a narrador/a, exercicios prácticos individuais e grupais para lle dar vida ao relato, recursos para a participación dos oíntes, tendo en conta a potencia da voz, a expresividade do corpo e a utilización do espazo.
Terá lugar en febreiro do sábado 23 (16 a 21) ao domingo 24 (de 9 a 14 e de 16 a 21) no Teatro del Andamio. Ás 19 horas do domingo a clase abrirase ao público para poder amosar e compartir os traballos realizados. O custe do obradoiro é de 80€. Informes e inscrición exclusivamente no 699 28 88 61. (Teatro del Andamio)