«Onte soubemos que o título da novela gañadora do Premio Planeta, de autoría de Ángeles Caso, é Contra el viento, exactamente o mesmo que o da edición en castelán de Cárcere verde, a novela que, levemente retocada, se atopa no interior de Tertúlia como obra que funciona como suposto plaxio. Recomendacións de críticos e insistencia de editores levaron o autor a extraer un texto que nada ten na realidade de plaxio. Tres son as compoñentes principais da narración: a fábula –con probable base histórica– da Cidade dos Césares oculta na selva, a descuberta –publicada pola revista National Geographic– de restos dunha elevada cultura ao Abrigo do Sol amazónico e a experiencia persoal de Xavier Alcalá nos laberintos da xungla. Documentación científica e lecturas da narrativa amazonista completaron as bases dun clásico de aventuras –fulgor de diamantes, cobiza e morte– que forma parte do ciclo americano de Alcalá.”» (Blogue de Xavier Alcalá)
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Santiago: presentación do I Premio Produto Gráfico e Libro Galego
O vindeiro mércores 24 de xuño ás 12:00 presentarase na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago a I edición do Premio Produto Gráfico e Libro Galego. O acto será inaugurado por Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo. O Premio Produto Gráfico Galego nace co fin de recoñecer o labor dos profesionais e empresas de Galicia que destacan pola súa creatividade e innovación no campo da produción gráfica. Os premios promovidos polo Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego constarán de catro categorías: produto gráfico galego, deseño-innovación galego, libro editado galego e novos talentos. A inscrición é gratuita e estará aberta até o 15 de outubro de 2009. O galardón consistirá nunha peza exclusiva e orixinal. A categoría Novos Talentos estará dotada cunha bolsa de 6.000 euros.
OQO recibe o segundo Premio ao Libro Mellor Editado en 2008
Caderno de animalista, álbum da editorial galega OQO acaba de ser distinguido co segundo Premio ao Libro Mellor Editado en 2008, na categoría de Infantil e Xuvenil, que concede o Ministerio de Cultura. Caderno de animalista é a segunda entrega da colección OQart, coa que OQO Editora pretende cos nenos e nenas, e tamén os adultos, se acheguen á historia da arte dunha forma orixinal e creativa, espertando o gusto pola pintura dunha maneira lúdica e atrevida. Esta colección inaugurouse co Gran libro dos retratos de animais de Svjetlan Junakovic. Precisamente, este álbum acadou o recoñecemento do Primeiro Premio Libro Infantil e Xuvenil Mellor Editado 2007. Asemade, en 2006, outro libro de OQO Editora, Celestino Tarambainas, tamén foi distinguido co terceiro galardón nesta categoría.
O sorriso de Claudia, Premio Frei Martín Sarmiento
A obra O sorriso de Claudia, escrita por X.H. Rivadulla Corcón e ilustrada por Andrés Meixide, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento 2009. O Premio desta V Edición do certame, organizado pola Comisión da Normalización Lingüística da Federación de Colexios de Ensino Concertado de Galicia e no que participaron trinta centros educativos con cinco mil cincocentos rapaces, foi outorgado en Vilagarcía nun acto no que estiveron presentes os alumnos, os profesores e os autores finalistas dos premios.
Mini e Mero recibirán o Pedrón de Ouro o 24 de maio
O domingo 24 de maio ás 12:00 na Casa de Rosalía en Padrón terá lugar o acto de entrega do Pedrón de Ouro aos músicos e musicólogos Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero. O galardón recoñece o traballo que levan realizando dende 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia.
Xabier P. Docampo, autor do ano para a Federación de Libreiros
A Federación de Libreiros entrega este sábado 28 de marzo no Carballiño os premios Irmandade do Libro, que acadan a súa edición número dezaoito. O autor destacado este ano polos libreiros é Xabier P. Docampo, que recibirá unha estatuíña e máis un cheque por valor de 2.000 € para adquirir libros. Esa noite coñeceranse ademais os gañadores no resto de categorías, cuxos finalistas relatamos a seguir:
Fomento da lectura:
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas de Oleiros
Asociación Cultural Lonxa Literaria, de Moaña
Institucións:
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán
Librarías:
Andel do Libro Galego e Portugués
Libraría Porta da Vila, de Viveiro
Libraría Paz, de Pontevedra
Mellor libro do ano 2008:
Fin de século en Palestina. Miguel Anxo Murado. Editorial Galaxia.
Festina lente. Marcos S. Calveiro. Edicións Xerais de Galicia.
O xardín das pedras flotantes. Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia
Obra editorial do ano 2008:
As flores do mal. Editorial Galaxia.
Guía das plantas de Galicia. Edicións Xerais.
Colección rescate. Alvarellos editora.
Centros de ensino:
CEIP de Quintela – Moaña
CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo –Pontevedra
IES Blanco Amor, de Ourense
Quico Cadaval, Cándido Pazó e Teresa Moure, candidatos aos Premios María Casares
O próximo mércores 25 de marzo entréganse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña os premios María Casares, que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na categoría de mellor texto orixinal os candidatos aos premios son Quico Cadaval, por Obra -No Comment, Teresa Moure por Unha primavera para Aldara e Cándido Pazó, por E ti quen vés sendo?. A obra que acumula máis candidaturas é Unha primavera para Aldara, con nove, seguida de Obra con sete.
Lingua de amor, certame de cancións e declaracións de amor en galego
Xa está en marcha a 3ª edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través do correo electrónico promovido polo Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Pódense descargar as bases neste enderezo (PDF, 1,8 MB).
Cándido Pazó, Eduardo Alonso e José Luís Prieto Roca, finalistas aos Premios Max
Xa coñecemos os nomes dos candidatos aos Premios Max das Artes Escénicas convocados pola Sociedad General de Autores y Editores e a Fundación Autor. Na categoría de Mellor Autor Teatral en Galego a terna de finalistas está formada por Candido Pazó, coa obra E ti quen vés sendo?; Eduardo Alonso, por Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas), e José Luís Prieto Roca, por O ridículo desamor dun home máis ou menos normal. A gala de entrega de premios da edición número doce dos Premios Max celebrarase o vindeiro 30 de marzo, luns, no Teatro Cuyás das Palmas de Gran Canaria.
Os lectores de Fervenzas Literarias elixen o mellor de 2008
Fervenzas literarias deu a coñecer hai uns días o resultado da enquisa que fixo entre os seus lectores para elixir o mellor de 2008 no ámbito da literatura en galego. Velaquí os gañadores:
Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O’Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural da Radio Galega.
Mellor blog: As uvas na solaina.