Letras de Galicia a Cuba

«[…] Coa intención de que galegos e cubanos retomen o contacto epistolar que houbo tradicionalmente entre ambas as dúas beiras, a CRTVG proponlles aos galegos que lles escriban “unhas letras” aos cubanos, nos días previos á Feira do Libro de La Habana. As mensaxes deben ser breves, de non máis de 160 caracteres, estar escritas en galego e ter vontade literaria. Os participantes poden deixar os seus microrrelatos na web do concurso (http://www.crtvg.es/Galiciaahabana). […]» (Compañía de Radio Televisión de Galicia)

IV Premio Rosalía de Castro para experiencias pedagóxicas

«A Fundación Rosalía de Castro, para conmemorar os 25 anos do PREMIO ROSALÍA CASTRO PARA MESTRES E PEDAGOGOS, creou o PREMIO ROSALÍA DE CASTRO PARA EXPERIENCIAS PEDAGÓXICAS, que vai xa na súa cuarta convocatoria.
O certame pretende potenciar o coñecemento de Rosalía e da súa obra, precisamente cando están sendo postergados o estudio e a lectura dos clásicos, referencia imprescindible na formación integral dos escolares. A iniciativa quere tamén servir de apoio ao traballo que desenvolven os centros cara a normalización lingüística e cultural do ensino galego.
Alén dos seus valores literarios e lingüísticos, os textos rosalianos teñen unha enorme potencialidade como motivadores de propostas de traballo nas aulas de ensino obrigatorio. Por iso consideramos que, nas mans dun profesorado que pode contar co apoio das novas tecnoloxías, a obra de Rosalía de Castro resultará un bo material para traballar na innovación pedagóxica.
Un dos eidos máis interesantes deste traballo é, sen dúbida, o teatro. Rosalía foi moi afeccionada á arte dramática e respresentou con éxito algunha obra cando era noviña. Se os poemas rosalianos son, pola forma, doados de aprender e recitar, e resultan moi motivadores para a representación teatral, polo seu contido adoitan ser altamente educativos e poden desenvolverse con acerto nas aulas para seren representados en festivais artísticos ou conmemoracións escolares.
Rosalía, contemporánea dos seus, avanzada do seu tempo e previsora dos valores que habían de promoverse no futuro, é a cantora do drama épico que sufriu a Galicia máis pobre e viven hoxe moitos pobos da humanidade: o fenómeno da emigración, do triste desarraigo que padecen “os que noutras terras/ tén que buscar pan”. E tamén unha excepcional analista da problemática das mulleres con relación á igualdade, á creación e ao pensamento libre e unha denunciadora das inxustizas sociais. Rosalía resulta, ademais diso, unha extraordinaria defensora da paisaxe, é dicir, unha verdadeira ecoloxista que nos anima conservar o medio ambiente.
Ademais da utilización dos seus textos, a pericpecia vital da autora tamén se presta a ser representada. Con este exercicio os escolares meirandiños poden profundizar, desde a emoción teatral, no seu coñecemento e no da súa época.» Bases. (Fundación Rosalía de Castro)

La Voz de Galicia, Alvarellos Editora e A Nosa Terra reciben o Premio á Edición Histórica

«Como xa é adoito, o peche destes premios veu da man do recoñecemento á Edición Histórica de Galicia. A Asociación Galega de Editores acordou este ano recoñecer á La Voz de Galicia, no seu 125 aniversario, a Alvarellos Editora cando cumpre 30 anos de traxectoria no mundo editorial e A Nosa Terra no centenario da súa creación.» (AGE)

Anxos Sumai gaña o Premio Xosé María Álvarez Blázquez

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano co que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2007 resultaron finalistas as seguintes candidaturas: Agustín Fernández Paz, Anxos Sumai, Pepe Carreiro e Suso de Toro. Trala derradeira votación resultou gañadora Anxos Sumai.» (AGE)

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recibe o Premio Francisco Fernández del Riego

«Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Francisco Fernández del Riego á colaboración no labor editorial do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, colectivo de persoas, entidade ou institución das que colaboran co sector editorial ou que participan na promoción do libro editado en lingua galega resultaron finalistas as seguintes candidaturas: o programa de Radio Galega “As quimbambas”, Protexta da revista “Tempos Novos”, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e a Sección de Cultura do xornal “Galicia Hoxe”. Trala derradeira votación resultou gañador o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.» (AGE)

Guía de mamíferos de Galicia (Bahía Edicións), ilustrado por Calros Silvar, Premio Isaac Díaz Pardo

Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas ao Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2007, co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2006 e o 30 de novembro de 2007. Despois da primeira votación entre as candidaturas presentadas resultaron finalistas as seguintes obras: son “Guía de mamíferos de Galicia”, ilustrado por Carlos Silvar (Baía Edicións), “Minimaladas”, ilustado por David Pintor (Edicións Xerais de Galicia), e “Titiritesa”, ilustrado por Mauricio A. C. Quarello (OQO Editora). Trala derradeira votación resultou gañadora BAÍA EDICIÓNS por “Guía de mamíferos de Galicia”, ilustrado por Calros Silvar.» (AGE)