Cee: presentación d’ O tesouro da corsaria, de Rafael Lema

Será o venres 11 ás 19:00 na libraría Ler de Cee. O tesouro da corsaria (Tambre – Edelvives, colección Catavento) é a parte final dunha triloxía de aventuras mariñas protagonizadas polo corsario de Camariñas da época napoleónica Ambrosio Álvarez Pardiñas, persoeiro real dono do bergantín La Constancia de Galicia con base en Veracruz, tras a publicación de Capitán Araña e Crónicas Corsarias.

Presentación en rolda de prensa da Anthology of Galician Literature 1196-1981

Será o 5 de xuño ás 12:00 na Sala de Xuntas da Consellería de Cultura (Edificio San Caetano, Santiago).

«Coeditada por Xerais e Galaxia, co apoio da Consellaría de Cultura e Turismo, na primeira quincena de xuño, chegará ás librerías o volume Anthology of Galician Literature 1196-1981, preparada por Jonathan Dunne e que recolle en edición bilingüe obras que van dende o século XII ata o ano 1981, datas para nada casuais pois abarcan dende o primeiro documento en galego que se conserva ata o Estatuto de Autonomía.

No acto participarán Roberto Varela (Conselleiro de Cultura e Turismo), Víctor F. Freixanes (Director Xeral de Galaxia) e Manuel Bragado (Director Xeral de Xerais). Literatura de tradición oral, literatura dramática, ensaio, poesía e narrativa de ficción son os xéneros neste volume recollidos e que servirá de carta de presentación da literatura de nós diante do mundo anglosaxón. Un fito para a edición galego.» (Edicións Xerais de Galicia)

Vilagarcía: preséntase Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O próximo mércores 2 de xuño, ás 20:30 horas na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía (Avenida da Mariña s/n), presentarase a novela de Manuel Portas Denso recendo a salgado. No acto, organizado por Xerais e o concello de Vilagarcía, acompañarán ao autor Emilio Ínsua, Xosé Castro Ratón e Manuel Bragado.

Culleredo: presentación d’As pantasmas de auga, de Antón Riveiro Coello

Dentro do programa “Primavera das letras” comprácenos presentar o mércores 2 na Biblioteca da poesía Uxío Novoneyra de Vilamelania-Vilaboa o libro de relatos As pantasmas de auga, de Antón Riveiro Coello. Constitúe o número 16 da editorial artesanal Bourel, dirixida por Antonio Piñeiro. (Concellaría de Cultura de Culleredo)

A Coruña: nova colección de Estaleiro Editora e Proxecto Derriba

O próximo venres día 28 de abril, ás 20:30 hh., Estaleiro Editora e Proxecto Derriba presentarán, no Centro Social Gomes Gaioso da Coruña (Rúa Marconi, 9) as dúas primeiras monografías da súa colección de pensamento contemporáneo. Para falar deste proxecto de coedición e presentar os seus primeiros resultados participarán no acto Abraham Rubín e Brais Arribas, autores das monografías e membros de Proxecto Derriba, e Iria Sobrino, integrante de Estaleiro editora.

Terra de Outes: os novos libros de Marcos Calveiro e a revista A Voz de Barbantia

O venres 28 de maio, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Outes, terá lugar a presentación do novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á presentación dos libros de Marcos Calveiro O pintor do sombreiro de malvas (Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009) e Settecento. No acto, ademais do autor, estarán presentes María Xesús Blanco (socia de Barbantia), Xoán Mariño (presidente da Asociación Cultural Terra de Outes) e mais o alcalde de Outes Carlos E. López Crespo.

Revista Galega de Teatro, presentación do novo número

A Revista Galega de Teatro convídaos á presentación do nº 62 da RGT e do texto teatral: “Colgados” de Gustavo Pernas, o vindeiro venres 28 de maio de 2010,ás 18:30h. no Forum Metropolitano (R/Río Monelos,1. A Coruña) na Sala Fernando Rey. No acto interevirán Antón Lamapereira, director da RGT e Gustavo Pernas, dramaturgo, director e actor.

A Coruña: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka

O acto, que contará coa participación de Alfonso Costa, Camilo Franco, Francisco X. Fernández Naval, Isabel Iglesias e Manuel Bragado, terá lugar o vindeiro martes, 1 de xuño, ás 20:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga (Panadeiras, 12) da Coruña.