Vigo: presentación de Pegadas, de A porta verde do sétimo andar

O sábado 24 de setembro, ás 21:00 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 2), de Vigo, terá lugar a presentación de Pegadas, libro colectivo de 37 autores/as de Galiza e Portugal, que constitúe o número 2 dos Cadernos Q de Vián, publicados por A porta verde do sétimo andar.

Foz: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Avenida da Mariña, 16) de Foz, presentarase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco. No acto, organizado pola Asociación A Pomba do Arco de Foz, participará, acompañando ao autor, Xosé Ramón Fernández Pacios.

Lugo: presentación de Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo, de Miguel Vila Pernas

O mércores 21 de setembro, ás 19:45 horas, na Praza de San Marcos de Lugo, terá lugar a presentación da Guía secreta da gastronomía de Galicia: Lugo, de Miguel Vila Pernas, publicado por Alvarellos.

Ourense: presentación de Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros

O xoves 15 de setembro, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal (Rúa da Paz, 9) de Ourense, preséntase o libro de Arturo L. R. e Vispo Rodríguez Crónicas dunha rúa: Collage da Paz / dos Zapateiros, publicado por Duen De Bux.

A Coruña: presentación de As trovas de Midas, de Diana Varela Puñal

O mércores 14 de setembro, ás 20:00 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47, antigo Maxisterio), terá lugar a presentación de As trovas de Midas, de Diana Varela Puñal, e-book de poesía infantil publicado en Galebook, empresa que tamén será presentada publicamente no mesmo acto.

Lugo: presentación de Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo

O venres 9 de setembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase a novela Svea Kött (Carne Sueca), de Domingo Tabuyo, publicada en Xerais. No acto participan, acompañando ao autor, Xosé Orozco e Manuel Bragado.

Salvaterra: actos literarios do XXV Festival de Poesia do Condado, o 2 e 3 de setembro

A XXV edición do Festival de Poesia do Condado, organizado pola S. C. D. Condado, baixo o lema Sem as mulheres nom há revoluçom, na sexta-feira 2 e o sábado 3 de setembro, conta coas seguintes actividades literarias dentro do seu programa:

Sexta-feira 2:
22:30 h. Noite nas minas, nas Covas de Dona Urraca. Recital de María do Cebreiro, concerto de De outra margem, e, ao remate, comida, repichoca e festa. Ten aforo limitado e unha entrada de 10 euros (reservas no correo info@scdcondado.org, ou no teléfono 986-658036).

Sábado 3:
12:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do libro colectivo de poesía Mulheres entre poesia e luita, publicado pola Assembleia de Mulheres do Condado, coa presenza de Ilduara Medranho, Andrea Nunes e Belém Grandal.
18:00 h., nas Covas de Dona Urraca. Presentación do último libro de poemas de Claudio Pato, publicado en Estaleiro Editora.
Ao longo do día, no mesmo emprazamento, as Covas de Dona Urraca, terán lugar as proxeccións de vídeo-poemas, con obras de María Lado, Ledicia Costas, Lucía Aldao e o Colectivo Rec-deiras.
21:00 h. Festival poético-musical, na Zona das Murallas, presentado por Os da Ría. As e os poetas participantes son: Andrea Nunes Brións, Catarina Nunes, Claudio Pato, Iolanda Aldrei, Lorena Souto, Manuel Darriba, María Rosendo, Paula San Vicente, Séchu Sende e Xosé María Álvarez Cáccamo. Os grupos musicais serán Habelas Hainas, Marful, Ulträqäns, Cuchufellos e Maria Alice (Cabo Verde).

Carballo: actividades do sábado 27 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve entre o xoves 25 e o domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o sábado 27 de agosto:

12:30 h. Presentación de Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga, publicado en Baía Edicións. No acto participan, co autor, Marcos Trigo e Manolete, ex-xogador do Deportivo da Coruña.
20:30 h. Presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto o autor estará acompañado por María Canosa.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Monforte: actividades destacadas do sábado 27 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte remata o sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas, contando, neste último día, coa seguinte actividade destacada:

19:00 h. Presentación do libro Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas, publicado en Xerais, coa participación do propio autor.