O
xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, editado por A Porta Verde do Sétimo Andar, como o número 4 dos Q de Vian Cadernos. No acto estarán presentes, acompañando á autora, Anxo Angueira, Begonha Caamanho e Alberte Momán.
Arquivo da categoría: Presentacións de libros
Santiago: presentación de Leccións de cousas, de Antón Reixa
A Coruña: presentación de Madeira de mulher, de Adela Figueroa
O xoves
29 de setembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Coruña, preséntase o libro de relatos Madeira de mulher, de Adela Figueroa, publicado en Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participan Felipe Senén López e Pilar García Negro, acompañados pola actuación musical de Xurxo Souto.
Ourense: presentación de Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda
O
xoves 29 de setembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Pública de A Ponte (Praza Mestre Luis Fernández, s/n.) de Ourense, preséntase Aforismo limitado de pensamento e sentido común, de Jorge Emilio Bóveda, editado en Liberlibro polo propio autor.
Vigo: presentación de Sermos Galiza
O
xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, e organizado pola Asociación Cultural O Castro, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Marga Romero e Néstor Rego. Este proxecto convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para a posta en funcionamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego que teñan a Galiza como centro da súa atención informativa.
Pontevedra: presentación de Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona
O
xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores Novacaixagalicia do Café Moderno de Pontevedra, preséntase a obra Cartas de Ramón Cabanillas a Isidoro Millán en modo de antífona, publicada polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Méndez Ferrín.
Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz
O
martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e César Cunqueiro.
A Coruña: presentación do número 190 da revista Grial
O
mércores 28 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Pedro Barrié de la Maza (Cantón Grande, 9) da Coruña, preséntase o número 190 da revista Grial, que ten como título: A investigación en valor. No acto participan Ana J. Varela, Víctor F. Freixanes, Antonio García, Begoña Graña e Javier López Martínez. Reseña posterior en Galaxia.
Lugo: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias
Crónica
de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“Un profesor de Dereito compostelán tiña sona de que corrixía trazando unha liña no chan e lanzando os centos de exames ao aire para que o azar decidise entre aprobados e suspensos. Mero, a metade de Mini e Mero, entregou a un azar máis controlado os 2.000 poemas que escribiu nos tres últimos anos. Imprimiunos, repartiuno o paquete en dous e confiou unha metade a Mini e outra a Alfonso Sanmartín para que cada quen escollese un cento. O resultado desa escolma é No papel que mudo escoita, o poemario que presentou onte na galería Sargadelos de Lugo e que foi editado pola Irmandade Manuel María. Mero sinalou que o lugar para a presentación non era aletorio, “pois está na rúa do Progreso, que foi a onde chegamos dende Vilalba e onde botei a infancia”. Ese Lugo de cando era neno e a figura do seu pai son os dous temas maiores do libro. O autor establece o rueiro que trazan os versos coas as rúas Nóreas ou San Pedro. Mesmo bromea destacando que “teño mesmo un poema dedicado ao carteiro que me traía as cartas da muller cando eramos mozos”. A cidade ten presenza importante no texto, aínda que logo recoñece que “sempre me tirou a natureza, polo que, cando podía, escapaba a Garabolos ou á Fervenza, que aínda eran campo”. Tamén fuxía máis aló, ata Duarría ou mesmo a Vilalba. Outro medio de fugarse era a música, que seu pai sempre fomentou, tanto porque era grande afeccionado como “porque dicía que axudaba a liberar as tensións”. No papel que mudo escoita tamén serviu a Mero para rebaixar a tensión porque a creación do libro avanzou paralelamente á enfermidade e pasamento do pai.”
Boiro: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández
O
sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, no Centro Social Aturuxo (Rúa Principal, 118) de Boiro, terá lugar unha conversa sobre letras e cinema, dentro da que se presentará a novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia.
