A Coruña: presentación de libros da fotógrafa Maribel Longueira

O mércores día 20 de maio ás 20.00 horas na Fundación Caixa Galicia na Coruña presentaranse os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba da fotógrafa Maribel Longueira, editadas pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración. No acto participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro e Estíbaliz Espinosa.

Vigo: presentación do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro

Mañá venres 15 de maio terá lugar a presentación en Vigo do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, editado por Xerais. Será na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno, 27) ás oito do serán, con entrada libre. O acto contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.

A Coruña: presentación de Para seguir bailando, de Francisco Fernández Naval

paraseguirbailandoMañá xoves 14 de maio ás 20:15 na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Cidade Vella da Coruña presentarase o libro Para seguir bailando de Francisco X. Fernández Naval, editado por Xerais.

O acto é de entrada libre e contará coa intervención de Tucho Calvo, Manuel Bragado e mais o autor.

Santiago: presentación do “Dicionario” Ramón Piñeiro

dicionario-ramon-pineiroHoxe mércores 13 de maio preséntase en Santiago o ensaio ‘Dicionario’ Ramón Piñeiro de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, nun acto que contará ademais coa participación de Andrés Torres Queiruga, da Real Academia Galega, Amancio Liñares Giraut, de tresCtres Editores e Caetano Díaz, director de Galicia Hoxe.

Será a partir das 20 horas no Salón de Actos de El Correo Gallego (Rúa Preguntoiro, 29, Santiago de Compostela).

A Coruña: presentación dun poemario de Diana Varela Puñal

Mañá martes 12 de maio na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do libro Fíos de Diana Varela Puñal, editado por Espiral Maior. O acto contará coa participación de Suso Pensado, Miguel Anxo Fernan Vello e a autora. A entrada é libre.

Santiago: presentación dun libro de Elena Poniatowska

Hoxe xoves 7 de maio ás 20.00h na carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela presentarase o libro A filla do filósofo, tradución ao galego dunha serie de relatos escritos por Elena Poniatowska. No acto participarán lendo textos algúns dos tradutores e tradutoras que colaboraron na edición desta obra: Rosa Aneiros, Eva Veiga, Xabier López, Anxos Sumai e Francisco Castro. Ademais da autora estará presente Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, que publica o libro, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Verín: presentación da nova novela de Xosé Carlos Caneiro

caneiroO próximo venres 9 de maio terá lugar en Verín a presentación da novela Blue Moon de Xosé Carlos Caneiro, editada por Biblos Clube, nun acto no que tamén se presentará o viño Quinta do Buble 2008. Será a partir das 13 horas en Casa Zapatillas, na rúa Luis Espada de Verín. Antonio Diz e Xosé Carlos Caneiro conversarán sobre as súas repectivas creacións, e posteriormente celebrarase un xantar no mesmo lugar no que se degustarán produtos propios da gastronomía do val de Monterrei.

Ás oito da tarde na Casa da Cultura de Verín levarase a cabo unha segunda presentación pública da novela Blue Moon; a entrada nesta ocasión será libre e gratuíta.