Preséntase en Boiro a novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary

A editorial Galaxia, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Proxecto Leñaverde, convídano/a á presentación da novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary, así como á saída do nº 35 do suplemento cultural “A voz de Barbantia”.
Acompañarán o autor do libro Xerardo Piñeiro (Concelleiro de Cultura), Carlos Lema (editor de Galaxia) e Antón Riveiro Coello, presidente de
Barbantia, que manterán unha conversa co escritor verinense. O acto terá lugar o vindeiro venres 30 de maio, na Estación Leñaverde (Centro Social) de Boiro, ás 20:30.

Luis Rei Núñez na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña

O mércores 28 de maio Luis Rei Núñez charlará cos participantes do obradoiro de escritura da Biblioteca Municipal de Estudos Locais e dos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña sobre a súa novela Urbano Lugrís e a negra sombra, Premio Nacional da Crítica en 2007.

Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981

O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)

Presentación na Coruña do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

O mércores 21 terá lugar a presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoira e do Vicepresidente da Deputación da Coruña, D. Pablo Villamar, ás 20:30, no local da asociación.

Preséntase na Coruña Corpo baleiro, de Berta Dávila

A Galería Sargadelos e Edicións Espiral Maior organizan a presentación do libro Corpo baleiro, de Berta Dávila. O acto, que contará coa participación de Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio López Valcárcel e Berta Dávila, terá lugar o venres 9 de maio ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56).

Presentación na Coruña do libro/cd/dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro

A Galería Sargadelos e Sons Galiza Comunicación organizan a presentación do libro/cd /dvd Xosé María Álvarez Blázquez: entre o Miño e mar de Vigo, de Eloi Caldeiro. O acto, que contará coa participación de Celso Álvarez Cáccamo, Miguel Mato e Eloi Caldeiro, terá lugar o xoves, 8 de maio, ás 20:00 na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña.

Presentación do libro Safo: cantos e fragmentos

A presentación do libro Safo: cantos e fragmentos terá lugar o próximo día 8 de maio, ás 19:00 na biblioteca Anxel Casal de Santiago (Rúa Xoán XIII). Intervirán Francisco Macías, de Edicións Positivas, Mª Teresa Amado, profesora de Grego da USC e tradutora, Pilar Buela, escritora, e Raúl Gómez Pato, tradutor desta obra e escritor. Poranlle calor, arte e música ao acto Carmen Dor e Tino Baz.