Ramil (Agolada): Festa do Solsticio de Inverno

“O mércores 21 de decembro, na Eira da Xoana, en Ramil (Agolada), terá lugar unha nova edición da Festa do Solsticio de Inverno. O programa é o seguinte:
– 17:00 h. Encontro na Eira. Para elaboración de fachos.
– 17:45 h. Subida ao Cotón dos fogos. Acto de despedida ao Sol que se fará simultaneamente con outros grupos que estarán situados en lugares destacados da contorna. Os grupos confirmados que van participar son: “Bico da Balouta” e “Buxaina da Ulloa.”
– 18:30 h. Queima do Tizón. Facendo lume novo que queima o ano vello que remata.
– 19:30 h. Acto literario. Entre outros, presentación por Anxo Moure do libro O Rei da Floresta, de Curra Figueroa.
– 20:30 h. Cea e actuacións. Coma no ano anterior temos confirmada a presencia de Mini e Mero.

NOTAS:
1.- Para a cea traede a vosa comida e algo máis para agasallar aos demais.
2.- Como noutras ocasións nós poñeremos queixo elaborado por Chus, marmelo e café. Aportación solidaria 2 € soci@s e 3 € non soci@s.”

Santiago: presentación de Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador

“A terça-feira, 20 de dezembro, ás 19:30 horas, na Faculdade de História de Santiago de Compostela, terá lugar a apresentaçom de Teoria de Inverno. Os Presentes do Apalpador, trabalho coletivo que conta com a participaçom de Jorge Paços, André Pena, Pepe Árias, Maria Iglesias, José André Lôpez, André Seoane, Mar Llinares, Carlos Calvo, Anjo Rua Nova e Jose Cadaveira, publicado por A Gentalha do Pichel.” Vía Portal Galego da Língua.

Santiago: presentación de Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias

O martes 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Carlos Lema e Manuel Outeiriño.

Santiago: rolda de prensa sobre Fantasmas da luz, de Agustín Fernández Paz

O luns 19 de decembro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar unha roda de prensa sobre o libro Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz. No acto, xunto ao autor, participará Manuel Bragado.

Lugo: presentación da nova editorial Hugin e Munin

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingos, 4), terá lugar a presentación da editorial Hugin e Munin, orientada á tradución a galego de obras narrativas de ficción. No acto será posible adquirir as dúas primeiras obras publicadas (Servizo de Correos de Charles Bukowski e O forasteiro misterioso de Mark Twain) ademais de informarse polo miúdo sobre o seu sistema de subscrición.

Gondomar: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, de Francisco Maseda

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña. I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda, publicado en Biblos. No acto de presentación participan, ademais do autor, Tucho Calvo e Carlos Méixome. O acto contará tamén coa presenza e intervención do XIII Conde Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez e será clausurado por Fernando Guitián Guitián.

Fundación Novacaixagalicia: presentación de Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo

O xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24) da Coruña, preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. Participarán no acto, xunto ao seu autor, Xosé Díaz e Xulio L. Valcárcel.