Neda: X Xornadas Literarias arredor da figura de Bob Dylan

As X Xornadas Literarias, organizadas pola Biblioteca de Neda e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, campus Ferrol, xirarán, entre o mércores 18 e o venres 20 de abril, arredor da figura de Bob Dylan. As inscricións son gratuítas, na Biblioteca de Neda (Avenida de Alxeciras, 61, C. P. 15510, teléfono 981390233, correo electrónico: cultura@neda.dicoruna.es). O programa é o seguinte (premer na imaxe para mellor visualización):

Santiago: presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique

O mércores 14 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba, de Fernando Manrique, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Roberto Varela e propio Rogelio Groba.

Once escritores galegos que recibiron o Premio Nacional solicitan a dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e  fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cesamento inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)
Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1985)
Antón Santamarina (Premio Nacional de Traducción, 1988)
Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1995)
Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)
Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1996)
Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)
Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)
Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)
Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2008)
Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensayo, 2008)

Roberto Varela recoñece que seguirá a haber reducións nas axudas culturais

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, recoñeceu onte que seguirá a haber reducións nos orzamentos destinados a subvencionar a programación cultural de Galicia, polo que o sistema de axudas terá que racionalizarse e a Xunta deberá priorizar determinados proxectos.

Preguntado polos xornalistas, o conselleiro incidiu nas “non moi positivas” previsións económicas, o que levará, segundo asegurou, a un descenso das partidas reservadas á promoción cultural de Galicia en 2010 e a “non facer gastos innecesarios”. “Imos intentar que esa redución sexa a menor posible”, matizou. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]

Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.