Convivio literario na Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño

«Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño (o día 14) á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos os recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.

Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo.

Confirmade por mail (mariacasar@hotmail.com) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).» (Directiva da A. C. Ergueitos)

Presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut en Santa Comba

O venres 30 de maio, ás 20:30 na Librería LER de Santa Comba, terá lugar a presentación dos libros de X. Amancio Liñares Giraut: Ramón Martínez López; Prensa e comarca. Medios de comunicación en Negreira. A Baña e Brión no século XX; Son para a «Unión Barcalesa de La Habana» (1907-2007); Ciudadanos españoles en el mundo. Situación actual y recorrido histórico.
No acto intervirán Xosé Deira Triñanes (alcalde de Boiro), Emilio Grandío Seoane (profesor de Hª Contemporánea na Universidade de Santiago), Xosé Manuel López Tuñas (presidente da Asociación «Alén Mar»), Ramón Villares Paz (presidente do Consello da Cultura Galega), Antonio Puentes Chao (director editorial de tresCtres), e o propio autor.

Preséntase en Boiro a novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary

A editorial Galaxia, a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Proxecto Leñaverde, convídano/a á presentación da novela de Xosé Carlos Caneiro A vida nova de Madame Bovary, así como á saída do nº 35 do suplemento cultural “A voz de Barbantia”.
Acompañarán o autor do libro Xerardo Piñeiro (Concelleiro de Cultura), Carlos Lema (editor de Galaxia) e Antón Riveiro Coello, presidente de
Barbantia, que manterán unha conversa co escritor verinense. O acto terá lugar o vindeiro venres 30 de maio, na Estación Leñaverde (Centro Social) de Boiro, ás 20:30.

III Terceira xuntanza do obradoiro “Cousas de mulleres”, organizado por Herbas de Prata

(Bos Aires, 15 de maio) – O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza o sábado 31 de maio a terceira xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres” coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten.
A cita será no Centro Noia Rianxo o vindeiro sábado 31 de maio ás 15,30 horas na rúa Gral. Urquiza 1021, da cidade de Bos Aires.(Herbas de Prata)

Presentación na Coruña do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda

O mércores 21 terá lugar a presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoira e do Vicepresidente da Deputación da Coruña, D. Pablo Villamar, ás 20:30, no local da asociación.

Vigo: exposición sobre a experiencia da pesca

Este venres (sexta-feira) as 20.00 no Museo do Mar de Vigo, inagúrase a exposición “Onde o Mundo se chama Terranova”. O núcleo desta exposición son as lembranzas, fotos, obxectos e experiencias vitais recollidas por cinco biólogos galegos (Anxo Fdez-Arroyo, Euloxio Vázquez, Lorenzo Suárez, Enrique álvarez Escudero e Xavier Queipo) a bordo dos navíos bacalloeiros faenando en Terranova entre 1982-1990. A importancia desta exposición está no carácter documental sobre unha pescaría que xa desdapareceu, vista tal e como era hai máis de dúas décadas.

Compañeiros/as da AELG:

Coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, propóñovos que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada “red winter” e a insípida “golden” que lles venden no supermercado.
Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características.
Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais.
Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita.
Enviade as vosas achegas ao e-mail da sección: palabra.con.memoria@aelg.org
Podedes ver aquí a colleita de palabras con memoria a día de hoxe. Espero que esta proposta sexa do voso interese.

Isidro Novo, Vogal da Aelg en Lugo.

Viaxe literaria a Lóuzara

VIAXE LITERARIA A LÓUZARA

Se viñeras a min polo avesedo
dunha norteira fraga de veludo,
o viño meu xa non sería acedo.
Nin acedo sería o tempo rudo,
pois farías da miña vida un ledo
paraíso de amor no vento mudo.

Fiz Vergara, Nos eidos da bremanza

Lóuzara a Xabreira, o val máis cheo de risos deste país, o berce da poesía do Fiz e o lugar máis máxico para todos os ERGUEITOS, un centro alimentador, un lugar de repouso. Os centos de castiñeiros a tripar polas encostas, o silencio, o río, a Fonte da Cova, o muíño do Fiz, a fervenza de Augadalte e o pozo de Beltrán. Porque ningún lugar hai mellor para metamorfosearse en auga como o Fanto Fantini de Cunqueiro e escapar dos cárceres da vida. Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño *(o día 14)* á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos aos recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.

Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo. Confirmade por mail (*mariacasar@hotmail.com* ) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).