Debatido o primeiro plan formativo para xestores culturais

«A Consellaría de Cultura e Deporte porá en marcha durante o ano 2008 o primeiro programa integral de formación dos profesionais da xestión cultural de Galiza. Serán arredor de 30 accións formativas para mellorar as capacidades dos técnicos e técnicas culturais e, así, incrementar a calidade da oferta cultural. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

 

Comeza a funcionar o Consello Asesor do Libro

«O Consello Asesor do Libro xa está en funcionamento despois de que o DOG publicase o Decreto que regula a súa composición e obxectivos. Este organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización son algúns dos obxectivos encomendados a este organismo, que xurde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Cabo de ano Manuel María

O sábado 8 de setembro celebrarase o “Día de memoria e lealdade a Manuel María” (terceiro cabo de ano). Os actos previstos son os seguintes:

  • 12:00 horas (no Muíño do Rañego de Vilalba): Celebración literaria en honra de Manuel María arredor dos Soños na gaiola (con motivo dos trinta anos da súa publicación en portugués). Mesa Redonda. Colocación proba recordo desta publicación no Paseo dos Soños (propoñen levar un soño para lelo alí).

  • 14:00 horas: Xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra de Gaioso (pregan confirmar asistencia nos tfnos 982372040 e 646 413890. Custa 17€ e debe facerse o ingreso na c.c. nº 0000100296 do Banco Pastor de Guitiriz).

  • 18:00 horas: Recital de poemas de Manuel María en Penas de Rodas (propoñen levar un poema para recitar alí).

  • 19:00 horas: Pregaria e ofrenda de flores no Cemiterio de Outeiro de Rei (pregan levar unha flor). De seguido no campo de Sta Isabel: Rito compartido: “A navalla de Manuel”. Recital de poesía e música: A Quenlla, Miro Casavella, Antón Valcarce e outras e outros.

Reclaman que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo

Escritores e artistas reclaman o recoñecemento do legado literario e arquitectónico de Ferrolterra e Mondoñedo. Por iniciativa de entidades como o colectivo Ao carón da lareira, que agrupa clubes de lectores de toda a bisbarra e que mantén estreitas relacións de colaboración con instituciones de Ferrolterra, da Terra Chá e de Mondoñedo, escritores, artistas e profesores de toda Galiza están unindo as súas forzas para lograr que o legado da diócese ferrolano-mindoniense sexa declarado Patrimonio Cultural Europeo.

As políticas culturais nas sete principais cidades galegas

«Dirixido polo sociólogo Xan Bouzada, este documento é unha análise cuantitativa e cualitativa moi polo miúdo das políticas culturais seguidas nas principais cidades galegas nos últimos anos, con enfoques de carácter global e con achegas particulares ás accións culturais de cada unha delas. Trátase, por tanto, dun documento de traballo que é resultado dun informe tecnicamente ben elaborado sobre a situación cultural destas cidades a principios do século XXI.» (culturagalega.org)