A AGE divulga trimestralmente na rede as novidades editoriais

A Asociación Galega de Editores pon a disposición “a versión dixital da revista Novas de libros, que recolle as novidades editadas desde xaneiro. Esta revista, que terá periodicidade trimestral, pretende ser un escaparate de toda a produción en galego que contribúa á súa divulgación e posta en valor, tanto nos círculos onde o libro xa é un produto habitual como en novos espazos.” (AGE)

Asinado convenio entre a AELG e o Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) asinaron onte un protocolo de colaboración institucional no que se comprometen a fomentar a creación de literatura na lingua do país e a difundir o seu coñecemento dentro e fóra das fronteiras autonómicas.

Os presidentes de ambas as dúas institucións, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Ramón Villares, do Consello da Cultura, asinaron onte en Santiago este documento, no que plasman os mecanismos polos que colaborarán nun futuro para “fomentar o intercambio de experiencias no ámbito da escrita, a docencia da escrita literaria ou científica, histórica, etc., a investigación e a promoción cultural”.

Entre outras cousas, o CCG e a AELG colaborarán na organización dunha serie de xornadas de debate sobre os textos de creación literaria, crítica e científica en galego, no deseño de obradoiros literarios destinados á sociedade galega, así como en actividades para vencellar as letras galegas e outras literaturas do mundo. Ao mesmo tempo, as entidades colaborarán na consolidación das súas respectivas webs, co establecemento de relacións de comunicación e de servizos destinados ó público. (AELG)

Festa das Letras en Boiro

Na Festa das Letras María Mariño en Boiro terán lugar as seguintes presentacións:

-As voces de María Mariño, libro-cd editado por La Voz de Galicia;
-Retrato dunha vida, creación audiovisual de Suso Xogaina;
-Versos que comezan, iniciativa de Barbantia na rede, homenaxe á poeta;
-Verba do tempo, espectáculo do grupo Ouriol con voz de Eva Veiga, música de Bernardo Martínez e Fito Ares, iluminación e escenografía de Alfonso Costa.

O acto contará coa participación das actrices Flor Maceiras e Rebeca Montero; Xosé Deira Triñanes, alcalde de Boiro; Tucho Calvo, escritor e xornalista de La Voz de Galicia; Antón R. Gallardo, historiador; Xerardo AgraFoxo, biógrafo da poeta; e Adolfo Muíños, coordinador de Novas Tecnoloxías de Barbantia. Será o vindeiro mércores 16 de maio, ás 20:30 horas, na Casa de Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro.

Novos formatos para as tertulias literarias

“Coa resaca do Día do Libro, un grupo de blogueiros decidiu poñer en práctica unha iniciativa para promocionar a lectura na nosa lingua. A súa proposta é crear un grupo de lectura de obras galegas que se comunique a través da rede para intercambiar impresións.

Twitter, rede social onde os seus usuarios intercambian breves mensaxes sobre o que están a facer ou a pensar en cada momento, emprégase deste xeito cun interese literario. Os promotores da idea son Martin Pawley, de Días estranhos; Leco, d’O blog dos pelachos, e Alfredo Ferreiro, d’O levantador de minas.” (Vieiros)