A Coruña: recital de Cesáreo Sánchez Iglesias

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, informa que o vindeiro martes 13 de outubro, terá lugar un novo acto dentro do ciclo ‘Poetas coruñeses’, que se ven desenvolvendo ao longo do ano. Nesta ocasión recitará Cesáreo Sánchez Iglesias.

Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra,principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudiou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición, colaborando na formación da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño, sendo posteriormente presidente da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Traballa na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia. É tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A súa poesía, varias veces premiada, caracterízase por unha elaboración en chave simbolista e evocativa, realizada en versos breves. Está considerado un dos nomes máis relevantes da promoción poética da década de 80.

Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada libre.

Corcubión: presentación da novela Escapado de Luis Lamela

A novela Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón será presentada en Corcubión. O acto, organizado pola concellaría de Cultura e Deportes do Concello, contará coa participación do alcalde Francisco Javier Lema Fuentes e o autor Luis Lamela, e terá lugar o vernes, día 16 de outubro na Casa de Cultura.

Nélida Piñón: “O galego é unha lingua de seu, soberana, distinta do portugués”

“Estou moi cansa. Erguinme ás catro da mañá e non durmo ben dende que saín do Brasil”, advirte Nélida Piñón (Vila Isabel, Río de Janeiro, 1937) ao comezo deste encontro. Leva case toda a semana promocionando o seu novo libro, Corazón andariego, publicado en castelán por Alfaguara, e o esgotamento reflícteselle no rostro, pero non afecta ao seu carácter aberto e falador. Nunha conversa que mestura galego, portugués e sobre todo castelán, tres linguas que a autora d’A república dos soños considera como entes diferenciados. Nesa Babel na que todo se entende, a escritora fala, coma se nunca o contara antes, de como a memoria construe unha ficción co pasado de un, ou de como unha visita a unha Galicia “fabuladora” con dez anos cambiou a súa visión da vida.[Ler entrevista completa de Arturo Losada a Nélida Piñón en Xornal de Galicia]

La Voz de Galicia: A literatura galega segue estando «connotada» no seu propio país

Poden presumir de preocuparse polos lectores. Separados no xeracional e coincidentes no oficio, Inma López Silva e Agustín Fernández Paz expoñen experiencias diverxentes e conclusións similares. Algunhas levadas directamente pola actualidade. Os dous coinciden, isto si, en que o acto de escribir é soberano e non debe estar condicionado. Pero de portas afora hai moitas cousas das que falar. [Ler artigo completo sobre o encontro, por Camilo Franco]

Culleredo: homenaxe a Luz Pozo

O vindeiro mércores 14 de outubro na aula de poesía Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vilamelania-Vilaboa ás 20 horas terá lugar unha homenaxe á poetisa Luz Pozo Garza que consistirá na prantación dunha camelia na sua honra e na presentación do seu último libro Deter o día cunha flor, ilustrado con gravados de Xosé Valentín. Luz Pozo recibirá ademais o primeiro galardón anual da Biblioteca “Uxío Novoneyra” aos poetas máis destacados.

Autores lusófonos procuram-se

Compartimos convosco esta información publicada na páxina portuguesa Fantástico:

A Antagonista Editora está a preparar uma colecção de novelas literárias de Ficção Científica e de Terror Fantástico para lançamento no primeiro semestre de 2010, estamos a aceitar manuscritos originais em formatos compatíveis com o Word (ou em formato .pdf), num mínimo de 34 páginas em formato A4, letra tamanho 10. Daremos resposta (negativa, ou positiva tendo em vista o início das negociações do contrato de edição) a todos os escritores que nos submeterem os seus manuscritos. Aceitamos submissões de todos os países lusófonos e ainda da Galiza, de Goa e de Macau. [Ler información completa]

Herta Müller, Nobel 2009, anotación de Xerais

Reproducimos polo seu interese a anotación publicada pola editorial Xerais sobre a concesión do Premio Nobel a Herta Müller:

Xerais expresa a súa grande satisfacción pola adxudicación do Premio Nobel de literatura 2009 á escritora Herta Müller, poeta e narradora, nacida en 1953, en Bánat (Romanía), no seo dunha familia da minoría alemana. Dentro da colección «As literatas», dirixida por María Xosé Queizán, Xerais publicou no ano 2001 O home é un grande faisán no mundo, obra narrativa publicada orixinalmente en 1986, e traída a nosa lingua por Franck Meyer.

Herta Müller estudou lingua e literatura alemana e romanesa en Temesvar. A zona xeográfica á que pertence, e na que radica a súa obra literaria, está hoxe dividida entre Romanía, Hungría e Iugoslavia. O alemán, idioma en que escribe, é a súa lingua da infancia, e até a adolescencia non aprenderá o romanés. En 1987 trasladouse ao sector occidental de Berlín, cidade na que vive na actualidade. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992,  ou Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997 e os ensaios recollidos en Hunger und Seide.

Esta é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Premio Nobel de literatura recae nun autor ou autora con obra publicada previamente en galego por Xerais. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en  2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G. Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller.