Herta Müller, Premio Nobel de Literatura 2009

mullerA escritora alemá de orixe romeno Herta Müller é a gañadora do Premio Nobel de Literatura, segundo vén de anunciar a Academia Sueca. En palabras do xurado Herta Müller “coa concentración da súa poesía e a franqueza da súa prosa describe a paisaxe dos desposuídos”. Xerais editou en 2001 o seu libro O home é un grande faisán no mundo dentro da súa colección As literatas.

Máis información: artigo do New York Times. Listaxe de obras de Herta Müller editadas en España.

Yolanda Castaño representará a poesía galega no festival “Absolute Young Poetry”

O prestixioso Festival de Poesía Absolute Poetry vense celebrando dende 2005 na cidade de Monfalcone baixo a dirección de Lello Voce e reúne a poetas de diferentes procedencias na citada poboación do norte de Italia. O apartado dedicado aos novos autores, o “Absolute [Young] Poetry”, centra a súa atención este ano nos dialectos e linguas minorizadas de Europa e convida a autores chegados dende linguas como o galés, o occitano, o euskera, o galego, o ladino e dialectos italianos coma o lucano, o véneto, o bisiaco ou o milanés. En representación dos poetas novos galegos a convidada será Yolanda Castaño, que o día 9 participará nunha mesa redonda e igualmente ofrecerá un recital poético multimedia no Teatro de Monfalcone. Como vén sendo habitual nunha das citas poéticas máis experimentais e de vangarda do país, as postas en escea dos poetas participantes fusionarán a palabra lírica coa música, a performance, o slam, o audiviosual ou as novas tecnoloxías, explorando novos camiños para a expresión poética.

Entre outros convidados/as do evento, cabe salientar á bangladeshí Taslima Nasreen, ao vietnamita Tran Quang Hai ou á italiana Patrizia Valduga. O completo programa incluirá obradoiros, feira do libro, mesas redondas, laboratorios poéticos ou charlas que versarán sobre traducción, canto harmónico, vinculación de lingua e identidade e mesmo a relación entre poesía e música heavy metal.

IV Ciclo Escritores na Universidade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizan o IV Ciclo Escritores/as na Universidade, consistente nunha serie de mesas redondas nas que se achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a posibilidade de saber como ven os autores/as a situación actual dos seus respectivos xéneros literarios.

En concreto, as mesas redondas tratarán de ofrecer panorámicas dos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico desde o punto de vista dos escritores/as, que faran unha análise subxectiva, para despois participaren nun coloquio aberto ao estudantado.

O ciclo celebrarase no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, de acordo co seguinte programa:

8 de outubro. 12,00 horas: O poeta en tempos de penuria con Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro Tobío e Luis González Tosar

5 de novembro. 12,00 horas: Narrar e contar dos tempos que corren con Marcos S. Calveiro, Luis Rei Núñez e Inma López Silva

19 novembro. 12 horas: Ensaiar e pensar desde (e para) o país escuro con María López Sánchez, Dolores Vilavedra e Xosé Manuel Beiras Torrado

3 de decembro. 12,00 horas: Máscaras e rostros, teatro e realidade con Quico Cadaval, Afonso Becerra e Gustavo Pernas.

Morreu Daniel Cortezón

O pasado domingo faleceu no Hospital Xeral de Lugo o dramaturgo e prosista galego Daniel Cortezón Álvarez, nacido en Ribadeo (Lugo) o 6 de febrero de 1927. Entre as súas obras debemos destacar os títulos Xelmírez ou a gloria de Compostela, As covas do rei Cintolo, Pedro Madruga e Prisciliano ou a novela A vila sulagada, gañadora do primeiro premio Blanco Amor.

A Coruña: inaugúrase a mostra Crónicas da Represión Lingüística

Hoxe martes 6 de outubro ás 19.00h inaugúrase na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña (r/ Panadeiras) a Mostra Gráfica e Audiovisual Crónicas da Represión Lingüística. Participarán Xan Leira (comisario da exposición), Xoán M. Sande (deputado provincial responsábel da área de normalización lingüística) e Ermitas Valencia Romar (concelleira de mocidade, solidariedade e normalización lingüística). Estará aberta até o domingo 8 de novembro. A mostra acompañarase do ciclo de conferencias Represión e defensa dos dereitos lingüístico en Galiza. A primeira das conferencias terá lugar o martes 13 ás 19.30h na Casa Museo Casares Quiroga baixo o título Historia da represión lingüística en Galiza a cargo da profesora María Pilar Freitas Juvino.

Culleredo: estrea da obra Colgados de Gustavo Pernas

O próximo venres 9 de outubro en Culleredo terá lugar a estrea absoluta da nova obra de Gustavo Pernas Cora, o “logomono” Colgados con dirección de Anxela G. Abalo. Os “logomonos” son monólogos ao revés, monólogos mutantes interpretados polo propio autor. A obra será representada ás 20:30 no edificio de Servizos Múltiples do Burgo de Culleredo.

A Coruña: presentación do libro Escapado

A novela, Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, será presentada na Coruña. O acto, que contará coa participación de Emilio Grandio, Carlos Echevarría, Manuel Bragado e o autor Luis Lamela, terá lugar o vindeiro vernes, 9 de outubro, ás 20 horas na Galería Sargadelos, rúa Real, 56, da Coruña.

Trinta anos da editorial Xerais

Compartimos cos nosos lectores a mensaxe coa cal a editorial Xerais celebra os seus primeiros trinta anos:

Hoxe, 5 de outubro, hai trinta anos que se constituía en Vigo a empresa Edicións Xerais de Galicia S.A. Transcorridas tres décadas daquel feito alboral, a nosa editorial publicou 3.200 titulos (tres mil en lingua galega) e vendeu máis de dez millóns de exemplares dun catálogo moi diversificado. Cifras das que o cadro de profesionais de Xerais séntese ben orgulloso e que animan a pular no noso proxecto de normalización do libro en galego. Grazas de corazón a todos os lectores e lectoras que foron, son e serán a nosa forza nesta angueira.

A novela Festina Lente abre mañá martes 6 a nova tempada do Club de lectura Sete Vidas

Este martes de 6 de outubro, ás 20.00 horas, Espazo Lectura reanuda as sesións mensuais do Club de Lectura Sete Vidas, que se celebrará, como en sesións anteriores, na Biblioteca de Gondomar. O autor da novela, Marcos Calveiro, estará na librería Libraida o próximo 23 de outubro, á disposición de todos os lectores.

O libro que citará aos lectores e lectoras para falar e debater, informalmente, sobre el é, nesta ocasión, a novela Festina lente, de Marcos Calveiro, publicada por Xerais. Trátase dunha novela que está a ter unha gran acollida entre o público e que mesmo está dando lugar a roteiros literarios por Santiago de Compostela, a cidade onde está ambientada. Un texto escrito con enorme alento e prosa depurada, que propón unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia.

Esta sesión do Sete Vidas completarase o día 23 de outubro cunha visita do autor, Marcos Calveiro, á libraría Libraida de Gondomar, onde falará sobre a súa novela e manterá un encontro cos lectores e lectoras.