Faleceu na Coruña o escritor Manuel Riveiro Loureiro

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/yglpv1gPgAg" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

«Manoel Riveiro Loureiro (A Coruña, 1933) é un escritor vocacional, tal vez compulsivo, anque serodio, que só empezou a publicar tralo seu regreso dunha longa e non pouco azarosa emigración, na que se emborcou en moi distintas actividades. Admirador teimudo e confeso da noutrora formidable URSS, ten traducido ó castelán e ó galego diversas obras clásicas da literatura rusa, tanto de autores do século XIX coma de outros, aquí a penas coñecidos, da época soviética.

Ós tres anos de idade, no verán do 36, perde ó seu pai. “Non morreu, que o mataron. Non morreu, que o mataron…” Así dicía en voz baixa a súa nai, cando ficaba estantía, procurando o cativo, asustado, falarlle a berros para arrincala de tal estado. A familia afonda na máis absoluta miseria. Ós dez anos deixa a escola, a Grande Obra do inefable Don Baltasar, no Campo da Leña, para integrarse de cheo no mundo laboral. O seu primeiro salario era de dúas pesetas, como neno de recados dun taller de costura. Metido despois nun traballo sucio (axudante do repartidor de “La Coruñesa. Carbonería Doméstica”) chegou a dobra-lo seu salario: catro pesetas diarias.

Xa medrado, acada o seu soño de embarcar en pesqueiros, primeiro do día e despois do Gran Sol. Fai a mili (Cartagena, logo Ferrol), navega en mercantes estranxeiros, casa coa súa Encarna de sempre…, e por fin instálase con ela no Uruguai, anque adoita desprazarse (el só) por outros países. Marchan de Montevideo cos seus dous fillos (arestora teñen catro, e catro netas) en 1973, xusto a tempo de lle fuxir ó golpe dos milicos.

De Riveiro dise no Diccionario de Escritores en Lingua Galega: “Cultiva preferentemente o xénero narrativo, e, en menor medida, o teatro. Varias das súas obras foron premiadas en concursos literarios. Tirou do prelo unha chea de títulos que acreditan a súa fecundidade como escritor”.» (Autobiografía)

Vexa tamén a videoteca do autor na web da AELG.

O grupo poético De Amor e Desamor celebra os seus 25 años

«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (La Voz de Galicia)

En Noia presentouse un conto inédito de Avilés de Taramancos

«O Concello de Noia presentou onte un conto inédito de Antón Avilés de Taramancos titulado O cabalo de vidro. Este texto foi escrito polo poeta noiés na década dos 50 durante a súa etapa na Coruña e foi achado hai uns anos no fondo dun baúl. En 2004 chegou a mans da profesora Aurora Marco, que foi a promotora da publicación. […]» (Galicia Hoxe)

O Ramón Piñeiro e a Biblioteca Virtual Cervantes presentan un portal das letras galegas

«Baixo a dirección de Anxo Tarrío, a biblioteca [Biblioteca das Letras Galegas] conta con preto de cen recursos entre imaxes, vídeos, audios e textos dixitalizados. Edicións facsímiles de textos medievais, o Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral, compilado por Francisco Vázquez Saco en 1952 ou a guía de recursos electrónicos Libros galegos en Internet de Henrique Neira Pereira son algúns dos títulos que se poden consultar neste portal […]» (culturagalega.org)

O PEN Clube de Galicia concede a Marcos Valcárcel o seu premio

«As uvas na solaina é o blog personal do escritor e historiador ourensán Marcos Valcárcel. Os artigos que publica nel, así como o seu compromiso coas letras galegas, acaban de lle valer o Premio PEN 2009, que concede o PEN Clube a persoeiros da literatura galega que destacaran na defensa dos dereitos de opinión e de expresión. O premio consiste nunha figura conmemorativa que se lle entregará en breve en Santiago de Compostela. O xurado do PEN Clube quere facer coincidir o acto coa presentación dun libro de homenaxe que están a elaborar os seus amigos. (culturagalega.org)