POLAFÍAS, un proxecto da AELG e a D.X. de Creación e Difusión Cultural

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta co patrocinio da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e coa colaboración de diversas asociacións locais.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego.
O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos.
A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, serán os veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas. O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG.
As polafías terán unha duración de entre 70-80 minutos. Para este ano 2007 vanse desenvolver ao longo do mes de novembro e decembro nos lugares e datas que relacionamos [no programa]. (AELG)

Obradoiro literario en Santa Comba con Concha Blanco

O 16 de novembro, ás 20:00 horas no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba terá lugar un obradoiro literario con responsabilidade de Concha Blanco.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración co Servizo Galego de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, continúa mañá en Santa Comba a nova quenda de cinco obradoiros de creación literaria que se levan a cabo durante o outono outras tantas escritoras a Padrón, Ribeira, Sanxenxo e Cuntis e enfocados principalmente a colectivos de mulleres.

A cidadanía de Santa Comba e a súa comarca poderá asistir libremente mañá, 16 de novembro, ás 20:00, no Edificio Multiusos do Concello de Santa Comba ao obradoiro literario que impartirá a autora Concha Blanco.
Esta serie de obradoiros dan continuidade a un proxecto que no que xa participaron as escritoras Marta Dacosta, Laura Caveiro, Estíbaliz Espinosa, María Xosé Queizán, María Reimóndez e María do Cebreiro. (AELG)

IV Simposio O Libro e a Lectura “Libro e mercado”

«A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática “Libro e mercado”. O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar hoxe día 15 e mañá día 16 de novembro en Santiago de Compostela.» Programa. (AGE)

II Premio Diario Cultural de Teatro

«A Consellaría de Cultura e a Radio Galega presentaron este luns a II edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, co fin de retomar a tradición das representacións teatrais a través das ondas cunha renovada perspectiva contemporánea. O fomento da escrita de textos dramáticos para a radio é outro dos obxectivos principais desta iniciativa, que pretende tamén facilitar o diálogo entre autores e medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e promover o encontro entre a audiencia.» Bases. (Vieiros)

Presentación en Vigo de A lenda da lúa de Montealto, de An Alfaya

O mércores 14 de novembro, ás 20:00 horas na Casa del libro (Velázquez Moreno, 27) de Vigo, presentarase A lenda da lúa de Montealto (Sotelo Blanco Edicións, col. xuvenil 12×22). Para alén da autora do libro, An Alfaya, intervirán Francisco Castro (escritor) e Ánxela Gracián (directora da colección 12×22 ). (Sotelo Blanco Edicións)