Rubén Ruibal gaña o “Premio nacional de Literatura Dramática por “Limpeza de sangue”

Limpeza de sangue (o sangue fai ruído) de Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970) foi a obra gañadora do XIV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais do ano 2005. A súa edición a cargo de Edicións Xerais por convenio co IGAEM resultou merecente do Premio Nacional de Literatura na modalidade de Literatura Dramática por parte dun xurado composto por trece persoas entre as que está, pola Real Academia Galega, Rosario Álvarez Blanco. Segundo a recensión de Inma López Silva sobre esta obra, “Rubén Ruibal amósasenos aquí coma un autor de talento que constrúe unha obra de estrutura cinematográfica, constituída por escenas que desenvolven un argumento ben dosificado”. (culturagalega.org)

XIII Premio Vicente Risco de ciencias sociais

«Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o XIII Premio Vicente Risco de ciencias sociais, dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes bases.» (Sotelo Blanco Edicións)

Miro Villar gaña o premio Pura e Dora Vázquez de literatura infantil

“A quinta edición do Premio de Literatura Infantil Pura e Dora Vázquez xa ten gañador: o escritor Miro Villar. E unha finalista, Concha Blanco. Ambos de Cee, coa obra Os poderes máxicos de Aitema.

Villar, profesor de lingua e literatura galega, poeta, narrador, tradutor e crítico literario, alzouse co galardón literario polo seu orixinal O nariz de Fiz. Segundo a valoración do xurado, o orixinal do escritor que formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte, «recolle a historia dun particular Pulgarcito galego, trátase dunha historia doutro tempo escrita cun rico léxico e no que se fomentan amplos valores positivos como o de amizade, familia…» […]” (La Voz de Galicia)

Homenaxe a Lois Pereiro n’ A Coruña

image003.jpgimage007.gifA Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá, martes 23 de outubro, a partir das 21:00 horas, terá lugar no mesón A saimia (R/ Emilio Pardo Bazán), unha homenaxe ao falecido escritor e poeta Lois Pereiro. A homenaxe, aberta ao público en xeral, consistirá nun recital poético-musical e nunha proxección fotográfica organizados polo Colectivo Poético “Amor e desamor”. (Asociación Cultural Alexandre Bóveda)

I Semana do mar en Compostela, do 22 ao 26 de outubro

«Galicia é un país debuxado por rías que penetran ducias de quilómetros no interior. Actualmente a maioría da poboación galega habita nas áreas litorais e nas súas zonas de influencia. Galicia é historicamente unha potencia pesqueira de nivel internacional e base dunha das frotas extractivas máis importantes. Tamén conta cunha actividade extractiva e de cultivo nas augas territoriais que constitúen o alicerce dunha potente industria conserveira e de produto fresco.
Froito da súa historia, Galicia ten ademais un patrimonio material e inmaterial que reborda a vertente estritamente económica para conformar unha cultura mariñeira que impregna toda a sociedade.
Así pois, a nosa dependencia do mar xera diálogos moi complexos que precisan análises globais que nos permitan actuar do xeito máis realista e racional posible.
FERNANDO GONZÁLEZ LAXE – MARÍA DO CARMO GARCÍA NEGRO – JUAN M. VIEITES BAPTISTA DE SOUSA – XOÁN LÓPEZ ÁLVAREZ – JOSÉ LUÍS GONZÁLEZ ESCALANTE – MANUEL SOTO CASTIÑEIRA – UXÍO LABARTA – FRANCISCO PELETEIRO – XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO – FERNANDO OTERO LOURIDO – LUÍS REI – FERNANDO PIÑEIRO – MARÍA XOSÉ CACABELOS – DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ – FRANCISCO FERNÁNDEZ REI»
(Descarga a programación da I Semana do Mar – PDF, 340 Kb) (Sotelo Blanco Edicións)

Debatido o primeiro plan formativo para xestores culturais

«A Consellaría de Cultura e Deporte porá en marcha durante o ano 2008 o primeiro programa integral de formación dos profesionais da xestión cultural de Galiza. Serán arredor de 30 accións formativas para mellorar as capacidades dos técnicos e técnicas culturais e, así, incrementar a calidade da oferta cultural. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

 

A AGE organiza o IV Simposio O Libro e a Lectura

«A Asociación Galega de Editores organiza un ano máis o Simposio O Libro e a Lectura, que na súa cuarta edición abordará a temática “Libro e mercado”. O evento, que conta co respaldo do Centro Español de Derechos Repográficos (CEDRO) e no que colabora o Consello da Cultura Galega, terá lugar os próximos 15 e 16 de novembro en Santiago de Compostela. […]» (AGE)

“Alén do Irimia: Un río de contos”, proxecto de animación lectora da ASPG

«Do 4 ao 9 de novembro. No pedregal de Irimia, no nacemento do Río Miño, en Meira, (Lugo) a AS-PG pon a andar un proxecto comarcal de animación lectora que abranguerá non só Meira, senón Concellos veciños como A Pastoriza, Castro de Rei, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto.» (ASPG)

Galeguia: mesa redonda e recital poético n’ A Coruña

Entre as actividades programadas do “Galeguia. Encontro con Cabo Verde, para o venres 19 de outubro, n’ A Coruña, figuran as seguintes:
-Mesa redonda “Letras qu unen”, ás 17:00 horas no Kiosco Alfonso, coa participación de dous escritores cabo-verdianos e dous escritores galegos, presentados por unha experta en literaturas lusófonas, que falarán sobre a lingua galego-portuguesa como ferramenta útil de traballo: Felisa Rodrigues (profesora de literaturas africanas en lingua portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela), Carlos Quiroga (escritor galego), Xavier Alcalá (escritor e enxeñeiro de telecomunicacións), Germano Almeida (escritor cabo-verdiano) e José Vicente Lopes (escritor e xornalista cabo-verdiano).
-Recital poético “Cabo Verde lírico”, ás 19:00 horas no Kiosco Alfonso, en que poetas galegos recitarán poesía cabo-verdiana: Yolanda Castaño, María Lado, Lucía Aldao, Estevo Creus, Enma Couceiro e Xavier Vásquez Freire.