I Premio Compostela para ÁlbumesI Premio internacional Compostela para álbumes ilustrados

Trátase dun certame dos de mellor dotación económica do Estado e que implica a publicación da obra galardoada nas cinco linguas peninsulares. O prazo de entrega dos traballos remata o 31 de xaneiro de 2008 e o fallo do xurado coñecerase o 2 de abril. Bases I Premio Compostela (PDF).

Promóvese a creación da Academia Galega da Língua Portuguesa

«Co apoio da Associação de Amizade Galiza-Portugal, a comisión que promove a creación dunha academia da lingua portuguesa en Galiza organiza unha serie de conferencias sobre o devir da lusofonía.
As conferencias comezan esta segunda feira en Compostela, a partir do mediodía na Facultade de Filoloxía da USC. Nelas intervirán os profesores Evanildo Bechara, da Academia Brasileira de Letras, e Malaca Casteleiro, da Academia das Ciências de Lisboa, presentados polos catedráticos galegos Martinho Montero Santalha, José Luís Rodrigues e Maria do Carmo Henriques.» (Vieiros)

Unha nova web ofrecerá literatura galega en inglés

«A tradución, segundo anunciou a consellería [de Cultura] recentemente, será unha das ferramentas de difusión da literatura galega no exterior e, amais do incremento de publicacións, a consellería porá en marcha readgalicia.com, unha web con 200 títulos exportables escollidos de maneira porcentual para cada unha das editoras galegas e que incluirá un fragmento traducido ao inglés de cada obra. A tradución de antoloxías será outra das estratexias de apoio ao sector, e na Feira de Frankfurt presentarase esta web orientada á posibilidade de venda dos dereitos de autor e unha antoloxía de poetas galegos en galego e alemán. Tamén serán traducidos numerosos narradores galegos para unha antoloxía para as feiras iberoamericanas do libro.» (La Voz de Galicia)

Escritores galegos acceden ao panorama internacional

«Os escritores galegos rompen fronteiras e mídense xa cos grandes do catálogo internacional. Teresa Moure con Las palabras de las hijas de Eva e Xurxo Borrazás con La aldea muerta apontoan o presenza de Galicia nas librerías españolas tras o ronsel de autores que, como Manuel Rivas ou Suso de Toro, puxeron a Literatura galega no mapa da insutria editorial. Pero a alancada non queda aí: Chus Pato acaba de colocar Charentón -o seu último libro- nos favoritos dos lectores ingleses de poesía.» (Galicia-Hoxe.com)

Presentación en Compostela da poesía completa de Luís de Aguirre

O libro Luís Aguirre. Poesía completa, con edición de Avelino Abuín de Tembra e Justo Cortizo Sóñora, será presentado o día 10 de outubro na Libraría Couceiro (Pza, de Cervantes, 6, Santiago) ás 20:00 horas. No acto intervirán Anxo Angueira (escritor e autor do prólogo), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3) e os propios autores da edición. (3C3 Editores)

OQO recibe o premio ao Libro Infantil Mellor Editado no Liber de Barcelona

«A editora pontevedresa OQO recibirá hoxe de mans do ministro de Cultura, César Antonio Molina, o primeiro premio ao Libro Mellor Editado, na categoría de Literatura Infantil por O gran libro dos retratos de animais.
A entrega do premio, fallado o pasado mes de abril en Madrid, desenvolverase no marco da Feira Profesional do Libro Liber de Barcelona e recoñecerá a calidade da edición da obra.
Escrito e ilustrado por Svejetlan Junakovic, o libro inaugurou a colección OQART de arte para nenos. O volume, que conta xa con edicións en galego, castelán e portugués, coñecerá a súa versión ao inglés e ao francés nas vindeiras semanas […].
Outras dúas editoriais galegas foron distinguidas nos últimos Premios Nacionais de Edición que outorga cada ano o Ministerio. Galicia acaparou dous dos tres premios nacionais de edición de libros infantís e xuvenís e obtivo por primeira vez a máxima distinción na cateogría de Libros de arte.
Así, Pucho, o habitador dos tellados, de Manuel Janeiro e editado por Kalandraka, obtivo o terceiro posto dentro da categoría de libro infantil. Pola súa banda, Faktoría K acadou o primeiro premio de Libros de Arte por Animalario: Arte de la India, de Kanchana Arni e Gita Wolf. […]» (Xeración Web)

Máis axudas á tradución

«Durante o 2007 aumentaron un 100% as axudas á tradución, até os 204.000 euros, e para o 2008 está prevista unha suba do 60%. Ademais, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural está a colaborar coa Asociación de Tradutores Galegos para a creación dun portal sobre a literatura galega con versións en varios idiomas de cara ao mercado internacional. Amais disto, estanse a traducir títulos de custo elevado que pasan a formar parte da listaxe da biblioteca virtual Bivir.» (Vieiros)

Promoción internacional do libro nas feiras e na Rede

«Dende o pasado xoves e ata o 10 de outubro, o libro galego preséntase por primeira vez en Montevideo; do 3 ao 5 de outubro no Liber de Barcelona; do 10 ao 14 de outubro en Frankfurt, e do 24 de novembro ao 2 de decembro en Guadalajara (México). Xa no 2008, asistirá á Habana, Bolonia e Bos Aires, e enviará unha delegación a Londres e á Bienal do Livro de Brasil.

Por todos estes países, Cultura levará unha imaxe de “fecundidade” do panorama editorial galego, representada cun dente de león e unha cor verde predominante, e organizará actividades paralelas como presentacións de libros e actuacións musicais para brindar “un coñecemento máis amplo da nosa cultura”.

Entre outras accións, desenvólvese un catálogo online da produción editorial galega máis recente, con fragmentos traducidos ao inglés, e a edición bilingüe en galego e alemán dunha escolma de poesía galega.

Cultura salienta a presenza na Habana como país convidado e en México, onde Galicia contará por primeira vez cun stand propio, e para a que xa confirmaron a asistencia 10 editoras galegas. Asemade, a revista mexicana Reverso dedicará un especial aos poetas galegos actuais.» (Xeración Web)