Comeza a funcionar o Consello Asesor do Libro

«O Consello Asesor do Libro xa está en funcionamento despois de que o DOG publicase o Decreto que regula a súa composición e obxectivos. Este organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización son algúns dos obxectivos encomendados a este organismo, que xurde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Presentación da Colección Barriga Verde de textos de teatro para monicreques

O IGAEM, a Asociación Cultural Barriga Verde e Baía Edicións presentarán a Colección Barriga Verde de textos de teatro para monicreques. O acto terá lugar o 2 de outubro de 2007 ás 13 horas na Sala de Conferencias da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural-Santiago de Compostela).
Os títulos que inician esta colección son O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro, Misterio en Guernica, de Xosé Manuel Fernández Castro e O soñador, de Gabriel Castilla. Intervirán Miguel Martín (Xerente do IGAEM), Belén López (Directora Editorial de Baía Edicións), Xosé Manuel Fernández Castro (autor), Breogán Riveiro (autor) e Jorge Rey (Presidente da Asociación Cultural Barriga Verde).

Preséntase n’ A Coruña O señor Lugrís e a negra sombra, de Luís Rei

Luís Rei presentará o 27 de setembro ás 20:30 horas na librería Arenas d’ A Coruña (Cantón pequeno, 25) a súa novela O señor Lugrís e a negra sombra, na súa versión en galego e castelán, editada por Xerais e Ediciones del Viento, respectivamente. O acto contará coa participación de Manuel Alvarez Torneiro, Eduardo Riestra e Manuel Bragado. A novela trata sobre o pintor Urbano Lugrís.

A web Salvemos Monteferro gaña o V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro

O V Premio de Xornalismo Nano Cambeiro, instituído polo Instituto de Estudios Miñoranos para lembrar o xornalista e amigo do mesmo nome, foi concedido á páxina web Salvemos Monteferro.
«Foron múltiples os argumentos que levaron a que a Xunta de Goberno do Instituto de Estudios Miñoranos tomase esta decisión por unanimidade, entre outras, ser a primeira web ecoloxista do Val Miñor con información actualizada en torno a cal se concentrou a gran mobilización social que conseguiu a paralización do proxecto de urbanización de Monteferro.» (Instituto de Estudios Miñoranos)

Homenaxe a Manuel María n’ A Coruña

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa da súa adhesión á homenaxe ao escritor Manuel María no terceiro cabodano do seu falecemento. Terá lugar na taberna-mesón “A Saimia” (rúa Emilia Pardo Bazán, A Coruña), o mércores 26 ás 20:30 horas. Intervirán Miguel Mato, Xoán Abeleira, Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo e Miguel Anxo Fernán Vello entre outros. Contarase coa presenza de Saleta Goy.

Homenaxe a Bernardino Graña no Morrazo

Os días 27, 28 e 29 de setembro de 2007 terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas unha homenaxe ao escritor Bernardino Graña no seu 75º aniversario.

27 DE SETEMBRO – Cea con Bernardino. no seu 75º aniversario, no restaurante De’Carla na Praia da Borna. Isamil (Moaña) ás 21:00 horas. Os Interesados poden anotarse nos teléfonos 986302030 (A Cepa), 637054164 (Heitor) ou no correo electrónico fernandocpintos@hotmail.com

28 DE SETEMBRO – “Voces para Bernardino”, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Cangas: actuacións da Coral Polifónica de Bueu, a Coral Lestonnac de Cangas, o Coro músico-vocal Mornura, Tucho Perete e o Coro San José, e a coral Queixumes do Hío. Presentan o acto Elvira Ribeiro e Heitor Mera. Ao remate do acto cantarase o poema “Como hei vivir mañá sen a luz túa”.

29 DE SETEMBRO – No Auditorio Municipal de Cangas.
Ás 11:00 horas: Actuación da compañía de teatro SEISDEDOS, que estreará a obra “O Galo Kiriko e os seus amigos”, sobre contos infantís recreados por Bernardino, baixo a dirección de Anxo García e música de Carlos Quintá.
Ás 20:30 horas: Recital poético e concerto musical. O grupo Tromentelo (Coiro) ofrecerá un pasarrúas e un concerto previo ás actuacións de Na Virada, Tino Baz, Grupo A Quenlla, Mini e Mero, Pablo Costas, César Morán, Miro Casabella e Xavier Blanco. Contaremos coa presencia de poetas, escritores, amigos, compañeiros, veciños… recitando poemas de Bernardino Graña.

Esta homenaxe conta coa adhesión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.