«Coa conferencia “Para saber dos outros” do escritor, xornalista e editor canario Juan Cruz, o Club Internacional de Prensa comeza a súa itinerancia de actividades por Galicia, o xoves 12 de abril ás 8 da tarde no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia en Vigo.» Juan Cruz foi un dos fundadores de El País. (Xornal.com)
O Instituto Cervantes en Holanda mostra as letras galegas e o Camiño
Fran Alonso e Lino Braxe ofrecerán un coloquio sobre a literatura galega actual dentro do ciclo España, Crisol de Culturas, que se desenvolverá dende hoxe no Instituto Cervantes de Utrecht (Holanda), e co que se prentede dar a coñecer a diversidade cultural do Estado. (Galicia Hoxe)
Preséntase en Compostela «Clío nas ondas», de Ramón Villares
No acto de presentación de Clío nas ondas. De libros, persoas e sazóns de Ramón Villares intervirán Virxilio Costas (director da Radio Galega), Ana Romaní (directora do Diario Cultural da Radio Galega e autora do epílogo do libro), Amancio Liñares (director editorial de tresCtres) e o propio autor. Terá lugar no Club Internacional de Prensa (Avda. da Coruña, 6-Baixo, Santiago de Compostela) o mércores 11 de abril ás 12:00 hs.
Inaugurada a «Expo Cadáver» en Ponferrada
A exposición sobre o “cadáver exquisito” promovido na rede por Igor Lugris foi inaugurada o sábado 31 na galería Dosmilvacas.arte de Ponferrada, adubada con música e recitado de poemas. Numerosos visitantes asistiron ao acto que foi recollido por varios medios de comunicación. Máis información no blogue do poeta Ovnis e isoglossas.
Hoxe é o Día internacional da literatura infantil e xuvenil
Premios da Crítica 2007 para Manuel Rivas e Manuel Vilanova
Homenaxe a Ramón Martínez López en Boiro
O Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia desenvolven no mes de abril en Boiro un programa de actos con motivo do centenario do nacemento de Ramón Martínez López (1907-2007).
Estrea d’ «A piragua», polo Centro Dramático Galego
O día 13 de abril (venres) ás 21:00 hs. estrearase en Santiago de Compostela A piragua, novo espectáculo do Centro Dramático Galego escrito e dirixido por Cándido Pazó. Será no Salón Teatro (Rúa Nova, 34).
Actividades da A. C. Alexandre Bóveda
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das próximas actividades previstas:
ABRIL
Martes 10: Presentación do libro de poesía Hoxe que vén o vento do sur, de Miguel Sande, coa participación do autor, de Pilar Pallarés e do editor Miguel Anxo Fernán-Vello, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.
Luns 16: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 16, 18, 23, 25 de abril e 2 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.
Martes 17: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 17, 19, 24, 26 de abril e 3 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.
Martes 24: Conferencia con motivo do Día das Letras Galegas sobre a figura de María Mariño, a cargo de María Pilar García Negro, ás 20:30 hs., no local da asociación.
Mércores 25: Mesa redonda Enerxías renovábeis e desenvolvemento sustentábel, con Anxo Calvo (Director Xeral de Industria), Alexandre García (representante de ADEGA) e Xosé Antonio Diéguez (representante da Asociación de propietarios de terreos VENTONOSO), ás 20:00 h. na Aula de cultura de Caixa Galiza, situada na rúa Médico Rodríguez.
Domingo 29: Excursión para participar na Iª xuntanza de sendeirismo As Mariñas-Culleredo 2007. A ruta partirá dende Orro e inclúe xantar en común co resto de grupos participantes e un percorrido de 15 Km. O prezo é de 10 €. Aberta a inscripción.
AVANCE DO MES DE MAIO
Martes 8 e xoves 10: Curso intensivo de galego, intitulado “Por un modelo digno de lingua”, das 20:00 h. até ás 22:00 hs., no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei. Inscrición gratuíta.
Martes 22: Conferencia a cargo do escritor portugués José Braga-Amaral, que falará sobre a “A Visión da Galiza na literatura dos escritores do Douro: Miguel Torga, Camilo Castelo Branco e João Araujo-Correia”, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.
Venres 25: Concerto do grupo Na virada, a presentar o seu último traballo, “Solaina”, ás 21:00 hs., no Fórum Metropolitano do Parque Europa.
Homenaxe a Cipriano Fernández en Fisterra
O venres 30 foron inauguradas en Fisterra as Xornadas de homenaxe ao republicano Cipriano Fernández, alcalde da vila fusilado polo réxime franquista. Con sesións tamén no 2 e no 4 de abril, a homenaxe contará coa presenza dos escritores Xesús Alonso Montero, Xosé Luis Axeitos, Modesto Fraga, Miro Villar, Marcos Valcárcel e Yolanda López, entre outras persoas da cultura e da política.