Galería Sargadelos de Ferrol: «Educar para ler»

A Galería Sargadelos Ferrol informa de que comezan as actividades da campaña de animación á lectura «Educar para ler», con encontros entre alumnos de centros de ensino de Ferrolterra e os autores dos libros seleccionados polos propios centros educativos con motivo desta campaña.

O venres 27 de abril ás 17:30 horas contarán coa presenza de Yolanda Castaño e Eduardo Hermida, escritora e ilustrador do libro Punver. No acto os autores realizarán un obradoiro con música e dramatización da obra.

«Culturas» ocúpase do futuro do galego

«La Voz reuniu a un grupo de persoas significadas, de idades e profesións distintas, que nun debate sobre o futuro do galego propiciaron interesantes conclusións que serán publicadas mañá no suplemento de Culturas. O punto de acordo é que aínda estamos a tempo de salvar o idioma.

Os participantes neste encontro foron o intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo; a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; o empresario editor Xosé Ballesteros; a escritora e filóloga Inma López Silva e a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, María Xosé Jamardo, que dialogaron sobre o estado da lingua galega.» (La Voz de Galicia)

Igor Lugrís lanza na rede un “cadáver exquisito” no que participaron 75 persoas

«A arañeira está chea de “cadáveres” poéticos. A idea do cadáver exquisito -un texto con vontade literaria, escrito por diferentes persoas, que van achegando novas partes para ese escrito- tomou forma na rede da man do escritor galego Igor Lugrís. A partir do verso Há umha certa luz incomprensível na distáncia, que o poeta -nado en Melide e residente no Bierzo- lanzou a través da arañeira a finais de febreiro deste ano, xa recibiu até 60 “cadáveres” nos que participaron máis de 75 persoas». (Galicia Hoxe)

Véxase tamén o blogue de Igor Lugris Ovnis e isoglossas.

Homenaxes a Noriega Varela

O Museo Provincial de Lugo informa de que as revistas orais O pazo das musas e A voz dos carraos, ambas editadas pola Rede Museística Provincial da Deputación de Lugo, dedican os próximos números a homenaxear o poeta Antonio Noriega Varela con motivo do sesaxésimo aniversario do seu pasamento (nas ligazóns correspondentes pódense ver os sumarios e as datas as presentacións).

Aviso: para o desprazamento ao Museo do Mar do sábado día 31 vai haber un servizo de autobús gratuíto con saída de Lugo ( Rúa de San Marcos) ás 16, 30 horas e regreso aproximado ás 23 horas. En caso de que queiran utilizar este servizo rógase que fagan a reserva no tfno.: 982 242112 (Departamento de Didáctica) por mor do cómputo de prazas.