Arquivos da etiqueta: 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha
Xabier Maceiras: “Espero publicar o libro dos 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha”
Entrevista a Xabier Maceiras en La Voz de Galicia:
“Xabier Maceiras Rodríguez (Arteixo, 1970) leva traballando nos últimos anos nun proxecto no que intensificou esforzos para rematalo, e así poder plasmalo nun libro. O animador sociocultural e escritor leva dende os anos 80 loitando a prol da recuperación e divulgación da memoria histórica da súa localidade natal e das comarcas de Bergantiños e As Mariñas. Tamén é membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e ten publicados libros de temática mariña: O mar de Arteixo e os seus naufraxios, De Liverpool ás Sisargas; a derradeiras travesía do Priam e, na actualidade, está a piques de publicar Contos mariños de Carballo.
– La Voz de Galicia (LVG): Pero agora cambiou de temática, ¿non?
– Xabier Maceiras (XM): Estou traballando nun libro que vou titular 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, e no meu blog Crónicas de Arteixo, no que xa teño publicado algún capítulo que formará parte do libro sobre a historia do fútbol dos dous municipios. (…)
– LVG: ¿Que poderá lerse nesa publicación?
– XM: O fútbol modesto da bisbarra na que me criei e garda un feixe de curiosidades dignas de mención. Están na memoria colectiva daqueles primeiros directivos, adestradores, xogadores e seareiros da ducia de equipos federados que chegou a ter o Concello de Arteixo. (…)
– LVG: ¿Como está estruturada a publicación?
– XM: Ten cinco partes diferenciadas. Na primeira delas falo sobre o fútbol arteixán-larachés antes da Guerra Civil. Na segunda, como rodaba o balón nos dous municipios dende a posguerra ata 1962, que foi cando se xogou a primeira edición da chamada Liga Zona de Arteixo. Nesta parte faise fincapé na emigración e dos fillos destes emigrantes arteixáns e laracheses que chegarían a ser figuras de primeiro orde mundial no deporte rei. Casos do Cotorra Míguez, Héctor Núñez, Rafael Souto ou Ramón Villaverde, entre outros sobre os que investiguei.
– LVG: ¿E as outras partes da publicación?
– XM: Na terceira inclúese a Liga Zona de Arteixo, onde aparecerá un resumo de cada unha das 17 edicións deste desaparecido campionato. No cuarto apartado está o fútbol dende os 70 ata a actualidade, no que hai capítulos adicados a cada un dos futbolistas nados nos dos concellos que chegaron a xogar en Primeira, Segunda ou Segunda División B, casos de Arsenio, irmáns Collazo, Suso García, Fraga, Juanito Varela, Quico ou Pea. E o quinto apartado será unha pequena historia dos 17 clubs federados.”