Plácido Castro: Unha vocación internacional

Desde Cultura Galega:
“Malia non ser un dos persoeiros máis coñecidos do galeguismo de preguerras, a vida e a obra política e intelectual de Plácido Castro (Corcubión, 1902; Cambados, 1967) merecería por si soa un filme británico. Políglota, viaxeiro e activista político, foi o principal responsable do recoñecemento internacional de Galicia como nación antes da Guerra Civil. Tres novos libros editados pola Fundación Plácido Castro botan luz sobre este descoñecido intelectual.
A Fundación Plácido Castro vén de editar tres curiosas e interesantes publicacións que divulgan a obra e o pensamento do corcubionés Plácido Castro. Un galego en Irlanda, 101 máximas e reflexións de Plácido Castro e 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas. Os tres libriños permiten coñecer a personalidade e as accións poliédricas e acceder a importante documentación interna da Sociedade de Nacións que permite coñecer a estratexia dos galeguistas para o recoñecemento internacional de Galicia como pobo.
Plácido Castro naceu en Corcubión no seo dunha das familias máis adiñeiradas da área. Os seus pais enviaráno a estudar, cando aínda era moi neno, aproximadamente aos seis anos, ao colexio Scarborough de Glasgow. Nesta cidade escocesa tamén cursaría os seus estudos universitarios. A súa vida en Inglaterra compaxinaríase coas súas vacacións en Galicia, onde tomou conciencia da identidade, da lingua e da cultura. Militaría no Partido Galeguista e participaría da prensa da época, onde remitiu numerosas crónicas da vida e da cultura inglesas.
Un galego en Irlanda é unha compilación de seis crónicas de viaxes que Plácido Castro remitiu ao xornal vigués El Pueblo gallego, e nos que detalla unha viaxe á illa -de especial relevancia no discurso cultural e político dos galeguistas do momento- na que remata por convivir cos illeiros do arquipélago de Blasket. As crónicas, cheas de lirismo, anécdotas e un perspicaz talante, son unha viaxe de ida e volta entre Galicia e Irlanda, nos seus parecidos e diferenzas.
O libriño 101 máximas e reflexións de Plácido Castro introduce aos lectores no pensamento galeguista e político do escritor e tradutor, no que se evidencia a súa demanda de conciliar tradición e identidade coa modernidade para ser visibles no mundo. A vocación internacional de Castro tamén se advirte na escolma de documentos publicados en 1933-2013. 80 anos da participación e admisión de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas; a través dos documentos pódese seguir o proceso da inclusión e participación dos galeguistas no Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna en 1933. (…)”