A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía a Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra

Desde Agadic:
“As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2 emoción&arte, Señora Supina, Redrum e Malasombra levarán os seus últimos espectáculos nos vindeiros meses ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa a Xunta de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 39 concellos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 601 citas escénicas neste 2018.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira acompañados por algúns dos seus protagonistas: Josito Porto e Víctor L. Mosqueira (actores de Excéntricas) e a xornalista Montse Fajardo, autora do libro no que se inspira a peza Invisibles.
A programación comezará o 29 de setembro coa peza de Valle-Inclán A cabeza do dragón a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. Eme2 estará o 13 de outubro coa súa visión da dificultade das relacións familiares que presenta A leituga,  o colectivo de recente formación Señora Supina, froito do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia porá en escena Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, e Redrum Producións representará Invisibles, título que aborda a lacra da violencia de xénero en clave feminina o 24 de novembro. Pola súa banda, o 15 de decembro visitará Vilagarcía a proposta de teatro familiar Os fabulosos Cleaners, da man de Malasombra Producións.
Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que o Auditorio Municipal de Vilagarcía é un activo e continuado membro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ata finais de ano, pisarán este escenario cinco compañías do país con cadanseu espectáculo, compoñendo unha carteleira moi equilibrada en canto a xéneros e estilos, así como de elevado nivel artístico. Isto significa, ademais, que o público arousán terá acceso, de xeito próximo ao seu domicilio e coas mellores condicións de exhibición técnica, a unha selección das mellores producións escénicas que hoxe en día se están a facer en Galicia”, dixo.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal circuíto de distribución profesional de espectáculos galegos. Iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas) en máis de 40 recintos escénicos de 39 concellos. Deste xeito, a Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Agadic e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.”

O teatro galego amosa músculo nos premios María Casares

Desde Sermos Galiza:
“Nove espectáculos concorreron na pasada cuarta-feira ás 14 categorías dos XXII Premios María Casares. Talía Teatro ideou e conduciu a cerimonia de entrega, que esta cuarta-feira tivo como cenario o Teatro Rosalía Castro da Coruña. Elisa e Marcela, de A Panadaría, foi o prato forte da noite ao acadar os premios a mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e mellor texto orixinal.
Á par disto está Producións Teatrais Excéntricas, que levou o premio a mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor vestiario (Suso Montero) e mellor adaptación-tradución (Quico Cadaval) coa súa obra A cabeza do dragón. Por outra banda, ilMaquinario Teatro, coa súa obra Resaca, conseguiu outros catro premios María Casares pola mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Pñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro ‘Coti’). Por último, o galardón a mellor maquillaxe foi para Trini F. Silva, en Outono, da compañía Pista Catro, mentres que o María Casares ao mellor espectáculo infantil recibiuno A galiña azul de Tanxarina.
A gala, que foi retransmitida na web da TVG, contou co acompañanto musical do Coro Encaixe e a dirección de Artur Trillo. A actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos premios), recolleu o Premio de Honra Marisa Soto. Ademais, o dúo artistico Aldaolado leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
Mulleres no teatro onte, hoxe e mañá
Ao Teatro Rosalía tamén acudiron Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña. Ante eles e o resto do público, a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, deu o seu discurso, no que incidiu na necesidade de “reeditar” o pacto institucional entre o Centro Dramático Galego e a administración. “Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario”, explicou.
Alén disto, Nieves Rodríguez fixo un alegato en prol da igualdade. “Por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES, as mulleres estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”, afirmou. A presentadora e actriz tamén falou a respecto da liberdade de expresión, expresando a súa esperanza nun futuro “no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral”.”