Entrevista de César Lorenzo Gil a Antonio Rodríguez Baixeras en BiosBardia:
“Antonio Rodríguez Baixeras (Ribadeo, 1950) é historiador e desenvolveu gran parte da súa actividade tanto no ensino coma no traballo de divulgación histórica a diferentes niveis editoriais. Agora presenta A historia de Odoyno. A primeira novela galega (Toxosoutos), unha aproximación ao século X galego a través dun dos textos máis senlleiros do medievo europeo que nos abre a porta a un mundo que quizais pensamos coñecer pero que nos sorprenderá.
– BiosBardia (B): Aínda que vostede é autor de moitos textos ao redor da historia, é a primeira vez que se achega ao medievo galego. De onde vén ese interese polo tema?
– Antonio Rodríguez Baixeras (ARB): É un interese que vén de vello. Sempre quixen facer un traballo sobre este período e cando descubrín a historia de Odoyno pensei que tiña que achegarme dunha maneira decidida. Tiña moita curiosidade por saber en que contexto se redactara. Non estamos diante dun texto descoñecido ou que eu descubrira, non. Xa López Ferreiro falou del e é fundamental na nosa historiografía. Mais por iso se me facía estraño que non houbese unha tradución ao galego e un comentario que permitise coñecer todo o seu contorno.
– B: Quen era Odoyno?
– ARB: Sabemos del o que aparece no documento do Tombo de Celanova datado no ano 982. Nese texto, cóntanos que xa el sendo maior e diácono, decide redactar testamento. A súa propiedade máis valiosa é a igrexa de Santa Comba de Bande, que el quere que pase a formar parte do patrimonio do mosteiro de Celanova, que levaba unhas poucas décadas en funcionamento. Para xustificar a posesión desta propiedade, retrotráese ao pasado, fala das orixes da súa familia (de clase nobre), do seu pai Veremudo, da relación que tivo coa familia real asturleonesa, con San Rosendo, coa poderosa abadesa de Guimarães, Mumadonna. Mais tamén nos fala dunha filla súa e dunha muller a quen amou, Onecca (aparece tamén como Onnega e Honnega). (…)”