Desde A Ínsua do Ínsua:
“Sentei nun recreo no instituto a mirar a prensa dixital, enredei un momento nos comentarios sobre a lea que houbo no encontro de En Marea (ao que xa nin gañas tiven de ir vista a falta de altura de miras que amosan tirios e troianos) e parei un pouco na nova da oportuna homenaxe que se lle vai tributar en Lugo o vindeiro 3 de novembro ao tan benquerido como chorado Isidro Novo, tan vinculado a Viveiro. Case pechando a sesión, de súpeto, atopo unha foto túa e un pé demoledor que anuncia o teu pasamento na noite do 29 de outubro…
Tardo en reaccionar. Gustavo, morto? Veume á cabeza o precioso verso que un día Uxío Novoneira dedicou ao pintor Carlos Maside: “Eu non sei pensarte morto”. Eu tampouco a ti. Non hai tanto estabamos tendo unha preciosa conversa na libraría Biblos de Betanzos, onde se mesturaban as lembranzas do Viveiro das nosas infancias, a complicada situación do teatro galego, as consecuencias desa estafa capitalista monumental á que deron en chamar “crise”, o meu libro sobre as Irmandades… Escribinvos ese día unha dedicatoria chea de afecto e cordialidade, que ti e Ánxela agradecestes co corazón nos beizos, nunha especie de brinde a un encontro tan casual como intenso.
Cada vez que tivemos ocasión de coincidir e falar, sentín unha profunda empatía contigo. Nos actos de homenaxe a Tobío. Nas celebracións sobre Pastor Díaz na Academia Galega, con Fausto Galdo aínda entre nós. Nunha rúa de Compostela, ou da Coruña, ou de Viveiro, onde quer que cadrase… Sempre. Un fluír de ideas que nos aproximaban, de visións coincidentes sobre as cousas da vida e do mundo. Unha cordialidade doada e intensa fronte a unha persoa que se amosou comigo decote sen dobrez, sen miseria, sen trampa. Auga de fonte limpa, en contraste co pezoñento rancor velenoso que certo amigo noutrora común de nós os dous, como ben me advertiches, anda a deitar sempre que pode, obsesionado, contra min.
Fun espectador e lector atento de case todos os espectáculos e pezas coas que soubeches enriquecer de maneira decisiva o teatro galego de finais do século XX: O galego, a mulata e o negro (1990, editada en 1999), Sucesos (Premio Dieste en 2004), Medidas preventivas (2006), Tres logomonos (2012), o ensaio Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede (2006)… Aplaudín con total convencemento ese monllo de obras túas, que Ánxela axudou a corporeizar nos escenarios, onde deitaches unha ollada tan crítica como profunda sobre as relacións humanas e os comportamentos sociais contemporáneos: a soidade e a incomunicación, o falseamento da democracia, o consumismo, a xenofobia, o machismo, a violencia, a corrupción, a deshumanización… Un teatro crítico e comprometido, pero non burdo nin panfletario; un teatro intelixente, audaz, mordaz e verdadeiro, fronte á farsa continua dos poderosos agochados na sombra e o peso das ideoloxías que nos fan máis escravos en vez de máis libres, aínda que se vistan de seda.
Ese, en definitiva, será o teu legado imperecedeiro, amigo Gustavo. Iso e a perfumada sensación de autenticidade que fica en todo o que da túa man estivo. Que a terra che sexa leve e que canten eternamente os merlos no teu oído.”
Arquivos da etiqueta: A Ínsua do Ínsua
Entrevista con Anxo Angueira
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Anxo Angueira en A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): A comarca de Iria (co monte Meda e cos ríos Ulla e Sar) é protagonista indiscutíbel, ademais, das túas novelas Pensa nao (1999, Premio Xerais) e Iria (2012). Ambas teñen un recendo histórico e épico moi forte, que se combina con moito lirismo no manexo da linguaxe. Vense, ao meu ver, dúas novelas moito máis maduras, ambiciosas e poderosas (quizais por seren menos “sentimentais”) que Bágoas de facer illas (1997, Premio Café Dublín) e A morte de A. (2003). Compartes esta opinión? De cal delas estás a día de hoxe máis satisfeito?
– Anxo Angueira (AA): Si, estou de acordo. Pensa nao e Iria son novelas con anos de documentación e reflexión. Pensa nao foi escrita contra a destrución da miña aldea, do seu pasado, da súa historia. Tratábase de describir unha aldea distinta ás convencións literarias e políticas herdada desde había décadas e que situaban os labregos de costas ós avances técnicos e ó asociacionismo político. Foi apaixonante. A intrahistoria da súa escritura ten implicacións persoais moi fondas, como as cartas familiares da emigración desde fins do XIX, os testemuños orais… e a propia memoria dos traballos e dos días. Era tamén unha homenaxe a Manselle, considerada durante moitos anos a aldea rusa da parroquia, e á II República, ós “americanos” que viron esgazadas as súas vidas no 36: fuxiran á emigración en 1900, regresaron nos anos vinte con cartos e proxectos de modernización e rexeneración e o fascismo botounos de novo a América. En Iria tamén me impliquei moi a fondo. Mentres a escribía entendín ata que punto a paisaxe do Ulla final, enchendo e devalando coas mareas da Arousa e cruzado por dornas e galeóns nas memorias desde a miña aldea, puido condicionar toda a miña escrita literaria. Iria permitiume cumprir un soño: navegar a vela e facer que as dornas e os galeóns volvesen ó meu particular río da vida. Estou moi satisfeito coas dúas. Ademais, elas esíxenme unha terceira con insistencia. Outra novela que peche o meu particular ciclo histórico. A ver se podo estar á altura. (…) Sigue lendo
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua a Carlos Negro no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EMI): Tiveches durante un tempo, hai xa algúns anos, un cargo directivo na AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), o que supoño che serviu para coñeceres mellor as dinámicas corporativas do gremio. Como avalías os roles que a sociedade confere actualmente aos escritores e como as actitudes que estes manifestan perante as dinámicas e aconteceres sociais?
– Carlos Negro (CN): En primeiro lugar, debo dicir que o gremio d@s escritor@s galeg@s, afortunadamente, non funciona como un bloque homexéneo, tanto en actitudes persoais como políticas, ou mesmo en posicionamentos estéticos. E iso paréceme saudable, pois sería bastante aburrido convivir con colegas que pensan e opinan sempre igual ca ti.
En segundo lugar, coido que o gremio d@s escritor@s é como calquera outro, sexa de taxistas, mecánicos ou arquitectas. Hai xente riquiña e outra repugnante, hai quen se considera o embigo do mundo e, pola contra, quen desconfía dos eloxios tribais. E, por suposto, a calidade literaria non sempre vai aparellada coa altura ética, e viceversa.
En fin, o que eu levo aprendido do contacto co mundo intelectual é que o oficio literario é moi digno (e pouco agradecido se non levas dez anos morto, polo menos) e merece un mínimo respecto por parte da sociedade, pero non máis respecto nin recoñecemento público que o labor dunha panadeira, un electricista ou unha ama de casa. E que o andazo máis común entre os escritores vén sendo o da vaidade, aínda que na maioría dos casos non chega a ser unha enfermidade grave.
– EMI: E como ves o panorama literario galego, do punto de vista da creatividade, na actualidade?
– CN: Non se pode reducir todo a un titular rimbombante, deses que nos poñen polas nubes ou nos afunden nun lameiro. Algunha vez declarei en público (medio en serio, medio en broma) que a literatura galega contemporánea era cada vez máis normal, pois cada ano se editaban un feixe de obras sen demasiado valor estético, moitas outras bastante dignas, e mesmo algunha dunha calidade excepcional. En todo caso, non creo demasiado niso das Idades de Ouro, sobre todo cando percibimos o estado de abandono da lingua nas novas xeracións. E de que nos vale escribir de marabilla, se case ninguén nos le? E logo habería que ir facendo análise por xéneros, para ofrecer unha valoración máis exacta. En todo caso, a nosa literatura é tan digna como calquera outra, e hai moito onde escoller para satisfacer o gusto dun público lector diverso e plural. (…)
– EMI: Na túa poética non soen faltar os xogos intertextuais. Hai algún referente imprescindíbel na túa formación como poeta? Que libros son insoslaiábeis no teu proceso de decantación por unha voz e un estilo propios?
– CN: Esta é a típica pregunta na que me sinto indefenso. Admiro desde a primeira vez que os lin a Álvaro Cunqueiro, a Manuel Antonio, a Uxío Novoneyra. Logo, máis tarde, descubrín a Rosalía de Castro, as súas múltiples anticipacións e desafíos. Tamén lle debo mil cousas @s poetas dos noventa, e sei que Chus Pato está máis alá dos meus limítes, e que Xela Arias e Lois Pereiro son dous malditos magníficos. E os poemas de Celso Fernández Sanmartín están a carón dos meus das laranxas, e Emilio Araúxo abriume os ollos á forza da lingua oral da comunidade. E de fóra das nosas fronteiras… hai tantos nomes que case non sabería dicir. Raymond Carver ou Wislawa Szymborska, por citar dous así de primeiras. E tamén Valente e Gamoneda, ou Antón Reixa na etapa dos Resentidos e Manuel Rivas con aqueles poemas de Ningún cisne. E tamén me sinto moi identificado coa actitude poética de autores como Fran Alonso ou Raúl Vacas. (…)”
Entrevista de Emílio Xosé Ínsua e Olalla Cociña
Entrevista Emílio Xosé Ínsua a Olalla Cociña, no blogue A Ínsua do Ínsua:
“(…) – Emílio Xosé Ínsua (EXI): En 2005, nunha entrevista para o diario El Progreso de Lugo co gallo da presentación en Viveiro do teu primeiro libro, indicabas, e cito literalmente, que “non me vexo adscrita a ningunha tendencia”. Xa te sentes máis “encadrada” no panorama poético galego? Con que outras autoras e autores sentes afinidade?
– Olalla Cociña (OC): Pois sigo sen verme “encadrada”, non me gustan as etiquetas e os moldes xeracionais adoitan ser reducionistas… Afinidades teño moitas, e tamén dependen de cada momento de escrita. Máis aló de afinidades eu entendo a poesía como un feito ou unha fala da amizade, e neste sentido poido falar da poesía “compartida” con Dores Tembrás, Branca Novoneyra, Gonzalo Hermo, Olga Novo, Xiana Arias, Luz Pichel, Estevo Creus ou Jesús Castro, entre outros poetas. (…)
– EXI: Na túa poesía, esencialmente íntima, está moi presente a idea da indagación: todo aparece envolto nun nimbo misterioso, como agardando pola revelación. E hai tamén moito de exploración da memoria, de revisitación das raíces da propia identidade. Estás conforme con que sexan estas algunhas das chaves da túa poética?
– OC: O poeta Nobel Tomas Tranströmer di que un poema é un soño realizado en vixilia, que soño e poesía teñen leis compartidas. Non podo estar máis de acordo. A poesía está feita do mesmo material que os soños, onde sempre hai algo de indagación na memoria e por onde axexamos a propia identidade, e todo isto, velado. O misterio. Sen poesía non hai misterio.
– EXI: Cóntanos como naceu e en que consiste esa iniciativa que animas desde hai algún tempo en Compostela, xunto con Branca Novoneyra, que se denomina Picaversos.
– OC: Pois é un ciclo de lecturas poéticas onde convidamos a tres persoas a compartir poemas propios e favoritos arredor dun lema. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música ou do teatro. Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira. Queríamos gozar e facer gozar da poesía en vivo fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público, e penso que o fomos conseguindo. Este é o terceiro ano que o organizamos, coa colaboración do pub Modus Vivendi, onde se celebran a maioría das sesións, pero tamén da Universidade de Santiago, este ano fixemos algunha sesión en espazos cedidos pola USC. (…)”