Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (I)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Entrega do Premio na categoría de Ensaio e Investigación: Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

– Entrega do Premio de Tradución: A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné):

– Entrega do Premio á Obra de Divulgación: Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora):

Obras gañadoras dos Premios da IV Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada hoxe, sábado 11 de maio de 2019, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo, formado por Antonio Fernández Maira, Camilo Franco (que se ausentou na deliberación da modalidade de Xornalismo cultural), Elena Gallego Abad, María Xesús Nogueira (que se ausentou na deliberación da modalidade de Poesía), Román Raña, Pilar Sampedro e Kiko da Silva (non participou na deliberación da modalidade de Banda deseñada).
A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

 

OBRAS EDITADAS EN 2018

 

Ensaio e investigación

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado estima que se trata dunha obra escrita cunha prosa áxil e ben documentada, con equilibrio entre o rigor investigador e a capacidade divulgativa, situando os irmáns Villar Ponte no contexto histórico de finais do século XIX e o século XX, destacando o seu compromiso político co galeguismo.

 

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

O xurado considera que este libro fai un estudo biográfico pormenorizado de Castelao, facendo un percorrido reflexivo sobre o humor en xeral, e o galego en particular, e unha comparativa entre a obra de Castelao e as correntes artísticas europeas do momento.

 

Narrativa

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

O xurado estima que esta obra ten unha escrita intensa e contundente, abordando unha distopía apocalíptica.

 

Infantil

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

O xurado valora a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural.

 

Xuvenil

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

O xurado considera interesante como esta obra, ambientada nunha colonia escolar de  inicios do S. XX, bebe na tradición dos bestiarios galegos, creando novas figuras do seu maxín situados en lugares de forte raigame máxica.

 

Libro ilustrado

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O xurado estima que este é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato, e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe.

 

Libro de banda deseñada

O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado destaca a innovación desta iniciativa que enriquece o sistema literario galego cunha aposta experimental onde se combina o texto poético con interpretacións en banda deseñada de moi diferentes estilos.

 

Iniciativa bibliográfica

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

O xurado valora moi positivamente esta iniciativa que acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade.

 

Tradución

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

O xurado dá a benvida á tradución ao galego dun clásico que precisa ser incorporado ao noso sistema literario, realizado por unha especialista que soubo trasladalo con calidade.

 

Poesía

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

O xurado destaca a madurez expresiva do autor, o enorme ritmo poético da obra, unha certa ironía na expresión que enriquece o texto e un gran dominio do verso.

 

Teatro

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

O xurado estima que se trata dunha obra que, partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

 

Libro mellor editado

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

O xurado valora a edición facsimilar desta obra, que reproduce fielmente a edición orixinal de 1935 da Editorial Nós, respectando o deseño, formato e papel orixinais.

 

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

 

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

O xurado recoñece o papel fundamental na organización das bibliotecas, promoción do libro e fomento da lectura en lingua galega, nun momento crítico no que estamos a rexistrar un alarmante descenso do número de galegofalantes. Valora tamén moi positivamente o papel do profesorado que forma os equipos de bibliotecas do centro e coordina os clubes de lectura.

 

Proxecto literario na rede

Brétemas, de Manuel Bragado.

O xurado destaca este proxecto persoal do autor desde xaneiro de 2005, vencellado ao traballo de edición e ao servizo do tecido cultural galego.

 

Xornalismo cultural

Revista Luzes.

O xurado valora a valentía de manter unha voz disidente en papel e online, desde a que se fai xornalismo cultural e implicado co país, con plena liberdade.

 

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019.

Figura central da literatura de expresión portuguesa, alén do profundo respecto e afecto á súa persoa e da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

«Ler O segundo sexo de Simone de Beauvoir fez-me ver mais claro dentro de mim aquilo que eu ainda não sabia explicar, não sabia expressar. Na altura só sabia que as mulheres eram discriminadas, marginalizadas, sacrificadas, tornadas em sopro, num pequeníssimo nada. É quando me torno numa feminista

Escritora, xornalista e poeta, estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e ao feminismo, tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal con Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, As Três Marias. En conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.

Teresa Horta tamén fixo parte do grupo Poesia 61.

Publicou diversos textos en xornais como Diário de Lisboa, A Capital, República, O Século, Diário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista, de forte cuño esencialista.

En 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis da Fundação Casa de Mateus, pola súa obra As Luzes de Leonor.

Maria Teresa Horta súmase en 2019 ás escritoras e escritores que recibiron este nomeamento: Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

 

A Asociación Galega de Editoras premiou a María Xosé Queizán.

Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista, e neste eido é onde cabe destacar o seu labor como editora: Feministas Independentes Galegas foi un colectivo creado en Vigo en 1979 da man de María Xosé Queizán, e que a partir de 1983-1984 ten como principal cometido editar un número anual da revista Festa da Palabra silenciada, co obxectivo de promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, así como potenciar e visibilizar a creación das mulleres na literatura e as artes visuais, centrándose, sobre todo, en Galicia, mais tamén alén das súas fronteiras.

Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega.

Festa da palabra silenciada conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista. Nas súas páxinas reivindicouse tamén o papel da literatura infantil e xuvenil feita en Galicia, e tamén tivo moito que ver no espertar poético feminista dos anos noventa. Foi, pois, un proxecto editorial pioneiro que abriu camiño aos que viñeron despois, non só por ser levado a cabo por mulleres (editoras, maquetadoras, correctoras…) senón porque puxo en valor o traballo feito por elas en todos os ámbitos.

María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia.

 

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.

Antonio Fernández Maira naceu entre libros… Poucas persoas teñen a oportunidade de nacer entre libros e criarse ao redor dun mundo cultural no que a protagonista é a lectura. Os andeis da librería do seu pai en Lugo foron testemuña da súa formación ao mesmo tempo que tamén o foron das súas primeiras vivencias infantís.

De observar e pasear na súa mocidade entre os andeis da librería do seu pai, pasou a transmitirlle o seu propio sinal cando el fíxose cargo da xestión desa Librería fundada polo seu proxenitor alá polo ano 1942 e que todos coñecemos co nome de Librería Lucus.

A fascinación polos libros e a preocupación por un sector pouco comprometido, levárono a converterse en Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978.

A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez, primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro.

Mención á parte merece sen dúbida o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

 

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas.

 

Casa de Rosalía, Padrón: entrega do I Premio Ramón Baltar Feijoo a María Xesús Lama e Emílio Xosé Ínsua

“Adeus ao Gustavo Pernas”, por Emílio Xosé Ínsua

Desde A Ínsua do Ínsua:
“Sentei nun recreo no instituto a mirar a prensa dixital, enredei un momento nos comentarios sobre a lea que houbo no encontro de En Marea (ao que xa nin gañas tiven de ir vista a falta de altura de miras que amosan tirios e troianos) e parei un pouco na nova da oportuna homenaxe que se lle vai tributar en Lugo o vindeiro 3 de novembro ao tan benquerido como chorado Isidro Novo, tan vinculado a Viveiro. Case pechando a sesión, de súpeto, atopo unha foto túa e un pé demoledor que anuncia o teu pasamento na noite do 29 de outubro…
Tardo en reaccionar. Gustavo, morto? Veume á cabeza o precioso verso que un día Uxío Novoneira dedicou ao pintor Carlos Maside: “Eu non sei pensarte morto”. Eu tampouco a ti. Non hai tanto estabamos tendo unha preciosa conversa na libraría Biblos de Betanzos, onde se mesturaban as lembranzas do Viveiro das nosas infancias, a complicada situación do teatro galego, as consecuencias desa estafa capitalista monumental á que deron en chamar “crise”, o meu libro sobre as Irmandades… Escribinvos ese día unha dedicatoria chea de afecto e cordialidade, que ti e Ánxela agradecestes co corazón nos beizos, nunha especie de brinde a un encontro tan casual como intenso.
Cada vez que tivemos ocasión de coincidir e falar, sentín unha profunda empatía contigo. Nos actos de homenaxe a Tobío. Nas celebracións sobre Pastor Díaz na Academia Galega, con Fausto Galdo aínda entre nós. Nunha rúa de Compostela, ou da Coruña, ou de Viveiro, onde quer que cadrase… Sempre. Un fluír de ideas que nos aproximaban, de visións coincidentes sobre as cousas da vida e do mundo. Unha cordialidade doada e intensa fronte a unha persoa que se amosou comigo decote sen dobrez, sen miseria, sen trampa. Auga de fonte limpa, en contraste co pezoñento rancor velenoso que certo amigo noutrora común de nós os dous, como ben me advertiches, anda a deitar sempre que pode, obsesionado, contra min.
Fun espectador e lector atento de case todos os espectáculos e pezas coas que soubeches enriquecer de maneira decisiva o teatro galego de finais do século XX: O galego, a mulata e o negro (1990, editada en 1999), Sucesos (Premio Dieste en 2004), Medidas preventivas (2006), Tres logomonos (2012), o ensaio Os ollos de Victorine e a construcción da cuarta parede (2006)… Aplaudín con total convencemento ese monllo de obras túas, que Ánxela axudou a corporeizar nos escenarios, onde deitaches unha ollada tan crítica como profunda sobre as relacións humanas e os comportamentos sociais contemporáneos: a soidade e a incomunicación, o falseamento da democracia, o consumismo, a xenofobia, o machismo, a violencia, a corrupción, a deshumanización… Un teatro crítico e comprometido, pero non burdo nin panfletario; un teatro intelixente, audaz, mordaz e verdadeiro, fronte á farsa continua dos poderosos agochados na sombra e o peso das ideoloxías que nos fan máis escravos en vez de máis libres, aínda que se vistan de seda.
Ese, en definitiva, será o teu legado imperecedeiro, amigo Gustavo. Iso e a perfumada sensación de autenticidade que fica en todo o que da túa man estivo. Que a terra che sexa leve e que canten eternamente os merlos no teu oído.”

Gondomar: faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares

O mércores 13 de xuño, ás 20:00 h., na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), terá lugar un faladoiro arredor de Identidade e afectos patrios de Ramón Villares, publicado en Galaxia. No coloquio participarán, a carón do autor, Emílio Xosé Ínsua e Carlos Méixome.

Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González: “Noutros países existen biografías ‘canónicas’ das figuras senlleiras da nación”

Entrevista de Montse Dopico a Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González en Praza:
Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte. É o título da última obra editada por Xerais Crónica, un completo percorrido pola traxectoria vital, política e creativa de Antón e Ramón Villar Ponte escrito polos filólogos e investigadores Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González. Este traballo únese, así, a outros semellantes realizados recentemente -como a biografía sobre Castelao elaborada por Miguel Anxo Seixas ou a de Rosalía feita por María Xesús Lama- para avanzar nun xénero, o biográfico, “aínda moi deficitario”, segundo os dous autores, na nosa cultura.
Porque “que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático”, apuntan. Ademais, no caso dos irmáns Villar Ponte a “inxustiza” era, ao seu ver, especialmente “sangrante”, xa que “o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental”. Os dous responderon por correo electrónico as preguntas de Praza sobre Común temos a patria.
– Praza (P): Por que decidides facer esta biografía dobre, dos dous irmáns?
– Xurxo Martínez González: Temos falado moito arredor dos Villar Ponte, tanto da súa relevancia no período de preguerra -non sempre ben recoñecida- como da existencia dun fondo documental moi amplo e, en boa parte, inédito. Co gallo do centenario das Irmandades da Fala propuxémoslle a Xerais este traballo. Acollérono e estámoslle agradecidos pola aposta que fixeron.
– Emílio Xosé Ínsua: Entre nós seguen faltando biografías de figuras de primeirísima orde, é un xénero aínda moi deficitario, o que non deixa de ser un síntoma (máis) de “anormalidade” da cultura galega. Que Rosalía, Manuel Antonio ou Cabanillas, por dicir algúns nomes, só en datas moi recentes fosen obxecto de traballos con afán totalizador sobre a súa biografía é ben sintomático. No caso dos irmáns Villar Ponte a inxustiza era sangrante, pois o seu rol no panorama galego do seu tempo foi autenticamente fundamental. Abordar a biografía dos dous ao mesmo tempo ten unha dupla causalidade: porque formaron un verdadeiro tándem e resultaba imposíbel explicar un sen o outro, por unha banda, e porque a figura de Ramón, por outra, habitualmente menos considerada, atendida e recoñecida que a de seu irmán Antón, merecía esta especie de “restitución igualatoria”. (…)