Profesorado e alumnado do IES Poeta Díaz Castro ofrecen actividades para conmemorar o centenario con toda a comunidade educativa

Desde Sermos Galiza:
“O 19 de febreiro conmemórase o centenario do poeta Xosé María Díaz Castro e desde o centro educativo que leva seu nome no seu Guitiriz natal poñen ao dispor da comunidade educativa diversos materiais para compartir a festa de aniversario. Profesorado e alumando elaboraron actividades, un documental, propostas de xogos… para convidar a toda a comunidade a celebrar unha xornada poética. Desde o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz animan a toda a comunidade educativa a conmemorar a festa de aniversario do autor a quen a Academia decidiu dedicar este ano o Día das Letras Galegas. Con este fin, comparten diversos materiais para que o nome de Díaz Castro resoe e que a festa que desde Guitiriz promoven sexa simultánea en todos os centros educativos do país que queiran sumarse á celebración do aniversario.
Propoñen, entre outras cousas, que nos centros educativos se proxecte o documental que elaborou o propio alumnado do IES de Guitiriz A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro (en colaboración con Pasen y Vean Comunicación). Convidan tamén a partillar unha proposta de actividade de 50 minutos que inclúe xogos sobre a poesía, exercicios arredor do documental elaborados pola profesora María Miragaya a partir dun obradoiro da especialista Chus Otero. A música ten tamén presenza no programa que o centro propón, da man da profesora Sandra Tenreiro.
A cambio da xenerosa oferta, solicitan que os centros lles remitan fotos e documentación da celebración compartida ao enderezo documentaldiazcastro@gmail.com para compartir nas redes sociais.”

Penélope en árabe

Artigo no blog de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) E vén todo isto a conto a propósito dunha máis que singular iniciativa na que, agora si, se xonguen Fútbol e Poesía. Estou a referirme á celebración onte do I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, un evento que ben pouco parangón terá fóra das nosas fronteiras, pero que en Galicia creo que é definitivamente único, polo menos ata onde un coñece.
Se xa que un poeta dea nome a un torneo futbolístico é algo máis que insólito, o que xa roza o incrible é que, ademais, o recadado voluntariamente no mesmo (pois as entradas foron gratuítas e cada asistente contribuíu co que tivo a ben) vaia parar á Asociación Xosé María Díaz Castro para que esta promocione e difunda a figura do escritor.
E se ao expresado sumamos que antes de que os equipos participantes (a saber: o Al-Wahda SF dos Emiratos Árabes, o Guitiriz e mais a Selección Galega) comezasen a disputar o torneo houbo oportunidade tanto de oír a Bloquinho de Xermolos e mais Sons da Aldea coma de asistir á proxección do vídeo documental A lus do mundo, que realizou o alumnado do IES Díaz Castro de Guitiriz arredor da biobibliografía do poeta baixo dirección de Cristina de la Torre, daquela esta xuntanza alcanza tinturas de milagre.
Agora ben, se todo o que levo contado non sorprendeu aínda aos máis escépticos, estou convencido de que a traca final si o fará: saiban todas e todos vostedes que, no marco deste I Encontro Internacional de Fútbol Sala Xosé María Díaz Castro, e atendendo á cortesía de participar nel un equipo emiratí, foi entregada aos deportistas e acompañantes daquela delegación unha folla voandeira na que se reproducía a primeira tradución ao árabe do célebre poema Penélope. Tan coñecido verso diazcastriano de Nimbos, foi traducido para a ocasión por Moncho Iglesias Míguez, escritor galego residente en Palestina, quen nos regalou así unha nova alfaia para esa coroa nimbada que conforma a poesía do guitiricense máis universal. (…)”