Entrevista de Montse Dopico a Begoña Paz en Praza:
“A paixón. A febre. A intuición do monstro, da besta. O sometemento, o abuso. As entregas aprendidas,. A negación do eu. Do nós. A admisión da ferida. A bostela. A pel renovada, endurecida. A liberación. Soas, enteiras e máis sabias. É o proceso que Begoña Paz describe en em>Caixa das bestas (Baile del Sol), o seu segundo poemario, publicado en edición bilingüe. Falamos con ela.
– Praza (P): Caixa das bestas foi publicado nunha edición bilingüe en galego e español pola editora Baile del Sol. Antes publicaras os teus libros en galego en editoras galegas. Pasou algo para que non saíse aquí antes?
– Begoña Paz (BP): Pasou que o enviei a unha ducia de premios de poesía -o xeito máis doado de publicar poesía en Galicia- e a varias editoras galegas. Que a obra non gañou premio ningún e que as editoras ou non contestaron ou fixérono dicindo que non encaixaba nas súas coleccións, que tiñan comprometida a edición de poesía para varios anos ou que era un libro caro de editar. O libro -que xa ten uns anos- traducino moito despois para que o puidese ler BK, a miña irmá malagueña. O seu primeiro comentario sobre o libro foi unha maldición marabillosa que me devolveu a fe.
Foi ela a que me animou a enviarllo a Baile del Sol, unha editora canaria que xa publicara poemas meus -tamén en bilingüe- nunha antoloxía de poesía, 23 Pandoras. Envieille o pdf ao editor un venres e o luns tiña o contrato na miña caixa de correo. “´-Orixinal e tradución?” “-Claro”. “-Cos collages en cor?” “-Claro”. Velaquí a diferenza entre o frío e a calor. Mais esa calor xa a sentira. O meu primeiro poemario, A mala vida, foi publicado por unha editora mallorquina, La Baragaña. O editor lera poemas meus en antoloxías publicadas fóra da Galiza e propúxome publicalo. Tan sinxelo, ás veces, todo.
– P: O texto vai acompañado de colaxes e, polo que pon o propio libro, ambos son da túa autoría. Que función querías que cumprisen as colaxes?
– BP: A primeira idea de Caixa das Bestas foi visual. Levaba un tempo matinando en recuperar a miña afección ás colaxes, unha amiga pediume que lle dedicase un dos meus libros e, como odio dedicar, colei unha colaxe na contracapa do libro. Esa colaxe é a primeira que aparece no libro. Dela naceu o primeiro poema. Doutras colaxes, máis poemas; doutros poemas, máis colaxes, nos que se entrecruzaban a reflexión e a ferida, o desconcerto, a paixón e a ferocidade. Cos títulos engadíndolle ironía ao conxunto. Para min son un todo indivisible. (…)”
Arquivos da etiqueta: A mala vida
A Coruña: presentación de A mala vida, de Begoña Paz
O venres 2 de marzo, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario A mala vida, de Begoña Paz, publicado por Ediciones La Baragaña.
Vigo: presentación de A mala vida, de Begoña Paz
O xoves 1 de marzo, ás 20:30 horas, na Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21, baixo) de Vigo, preséntase o poemario A mala vida, de Begoña Paz, publicado por Ediciones La Baragaña.