Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegar, Contos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.
A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde hoxe e ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: hoxe martes e mañá mércores coa primeira das pezas e o xoves coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18:00 h.
Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións do Centro Dramático Galego. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20:30 h. e o domingo 19 ás 18:00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.
Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións. (…)
Accións en espazos diferentes
Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19:00 h. o venres e sábado e ás 20:30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.
Tanto as entradas para Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Contos do recreo e Invisibles poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes das representacións.”