O CDG celebra as Letras Galegas con tres montaxes de Redrum, o ciclo Teatro Ob-sceno e unha xornada de portas abertas

Desde o Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Esta carteleira inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegarContos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.
A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde hoxe e ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: hoxe martes e mañá mércores coa primeira das pezas e o xoves coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18:00 h.
Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións do Centro Dramático Galego. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20:30 h. e o domingo 19 ás 18:00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.
Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións. (…)
Accións en espazos diferentes
Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19:00 h. o venres e sábado e ás 20:30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.
O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.
Tanto as entradas para Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Contos do recreo e Invisibles poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes das representacións.”

A Coruña: Xornada “Mulleres e innovación nas artes intermedia”

Marta Pérez: “O patriarcado está permitido criticalo ata certos límites. Se moves o marco conceptual, van ir por ti”

Entrevista de Montse Dopico a Marta Pérez en Praza (foto de Inversa Teatro):
“Tres mulleres, filósofas postsocráticas, reivindican un novo logos. Un novo marco interpretativo no que as mulleres sexan por elas mesma e non en relación aos homes. Porque, sen este novo logos, non poderemos facernos as preguntas fundamentais que nos leven a comprender as raíces da violencia de xénero. E se cadra a atopar a maneira de acabar con ela.
Desta formulación parte Sofía e as postsocráticas, a nova montaxe de Inversa Teatro, que vén de ser preestreada no Culturgal. Marta Pérez, Silvia Penas e María Roja son as filósofas que nos conducen, con eficacia, por un percorrido, apoiado nas máscaras e en elementos visuais e sonoros, polo pacto patriarcal, o silencio social, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador. Aspectos, todos eles, que sustentan a violencia machista. Falamos con Marta Pérez, autora da dramaturxia, actriz e directora desta obra.
– Praza (P): Os personaxes dos que partes son Sócrates, Platón e Aristóteles. Case nada. Por que eles?
– Marta Pérez (MP): Un pouco para homenaxealos e un pouco para desmontalos. Porque son grandes referentes da cultura occidental, que é a que lexitima a violencia cara a diferenza. Tres grandes pensadores aos que admiramos, mais nos que está o xerme da violencia, a violencia fundante, sostida na diferenza. Os que marcan o inicio desa razón que se sostén a si mesma. O inicio do discurso falocéntrico, hexemónico e heteropatriarcal de occidente.
– P: Hai, en relación con eles, un xogo coas máscaras. Sodes eles cando as poñedes. Deixades de ser eles ao sacar as máscaras… Quen fixo as máscaras?
– MP: Gonzalo Alonso, o responsable da construción escenográfica, foi quen as construíu. A obra comeza nun museo no que se expoñen unhas ideas, que son ideas platónicas estáticas. As máscaras serven para marcar a distancia entre Sócrates, Platón e Aristóteles e as filósofas postsocráticas, que procuran un novo logos fronte ao logos pactado por estes tres filósofos. Quitar as máscaras é un xeito de marcar a ruptura con esas ideas estáticas das que se parte. Porque do que se trata é de fundar unha nova teoría da conciencia. O novo logos que as postsocráticas buscan é unha petición de toma de conciencia de xeito individual ante un problema social, a violencia.
As máscaras, ademais, colocámolas nun pé de micro, cando as deixamos, de xeito que os micros fan como se fosen unha pirola que queda mirando as postsocráticas, en constante observación por parte dos falos. E estes pés só se retiran cando se di “espazo libre de violencias machistas”. (…)”

A sede do CDG en Santiago recibe a compañía Inversa Teatro para oito funcións do espectáculo Sofía e as postsocráticas

Desde Agadic:
“O equipo da compañía Inversa Teatro inicia hoxe unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e de formar parte do seu trío interpretativo xunto a María Roja e Silvia Penas.
A nova montaxe de Inversa conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das subvencións á produción escénica e preséntase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no marco do programa de residencias artísticas da compañía pública e da súa iniciativa de apoio á dramaturxia galega contemporánea Dramaturxente.
Sofía e as postsocráticas, que tivo a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo tras unha preestrea no Culturgal de Pontevedra, chega a Santiago para desenvolver desde hoxe e ata o venres catro pases matinais, aos que asistirá alumnado de diferentes institutos galegos, e outros catro para público xeral nas tardes do xoves ao domingo.
Ademais, grazas á colaboración da sección galega da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif Galicia), as dúas funcións do xoves 13 (11,30 e 20,30 h.) terán carácter inclusivo. Con tal fin, proporcionaranse audioguías e programas de lectura fácil, empregarase linguaxe de signos con dúas intérpretes sobre o escenario e haberá espazo para cadeiras de rodas.
Encontros co público
Tanto tras estas representacións inclusivas, como tras as matinais con asistencia de escolares, parte do equipo artístico de Sofía e as postsocráticas manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre o espectáculo e o seu xeito de abordar a violencia machista.
Nesta nova montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres, na procura dun novo logos para establecer que é a violencia machista. Así mesmo, o emprego de máscaras e de diferentes elementos audiovisuais e sonoros contribúen a propoñer unha reflexión sobre a resposta e a responsabilidade social perante o maltrato. Cuestións como o pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador son os fíos argumentais polos que transitan as diferentes personaxes.
Ademais de Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas á fronte de diferentes tarefas artísticas, tamén forman parte do equipo de Sofía e as postsocráticas Santi Romay (axudante de dirección), Montse Piñeiro (escenografía), Gonzalo Alonso (construción escenográfica), Laura Iturralde (videocreación), Ángel Sousa (iluminación), o dúo CintaAdhesiva que integran Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas (espazo sonoro), Silvia Sánchez, de Le Chanelas, e Josefa Rivas (vestiario) e Manuel Outeiriño (voz en off).
Horarios e venda de entradas
Todos os pases matinais dan comezo ás 11:30 h., agás o de mañá mércores, que está programado para as 11:00 h. En canto ás representacións de tarde, terán lugar de xoves a sábado, ás 20:30 h., e o domingo, ás 18:00 h.
A venda anticipada de entradas para estas catro funcións xerais xa está operativa a través do web entradas.abanca.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro os propios días do espectáculo desde dúas horas antes do comezo.”

Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do 30 de novembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
11:00 h. Espazo Foro. Ler o mundo. Editorial Galaxia. Con centros de educación secundaria. Conversa entre Francisco Castro, autor de Iridium, e Amparo Rodicio, neuropsicóloga da Asociación Alento de Vigo, sobre o Dano Cerebral Adquirido e sobre a diversidade funcional.
17:00 h. Espazo Foro. Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Edicións Fervenza. Presentación de dous contos infantís/xuvenís da autoría de Francisco Álvarez-Koki. Escritos en galego, castelán e inglés. Co autor, María Dolores Estévez e Carlos Loureiro.
17:30 h. Espazo Libro. Eli Ríos presenta DX, publicada por Urco Editora. Estará acompañada por David Cortizo.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A madriña. Edicións Fervenza. Con María Carmen Caramés Gorgal, autora, Xosé Manuel Lobato e Adrián Dono, ilustrador.
18:00 h. Espazo Libro. Colección Narrativa K (Kalandraka Editora). Coloquio con tradutores/as. Con Ramón Nicolás, tradutor e crítico literario, Laureano Araujo, profesor e tradutor, Xesús Fraga, xornalista cultural e tradutor, Antía Veres, tradutora, e Xosé Ballesteros, director da editorial.
18:30 h. Espazo Infantil Deleite. Lambetadas. Talía Teatro. Presentación do novo espectáculo dirixido por Diego Rey con Artur Trillo e María Ordóñez como intérpretes.
19:30 h. Espazo Foro. Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza. Xerais. Con Pepe Barro, autor. Presenta: Fran Alonso.
19:30 h. Espazo Foro. Presentación do libro A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Curso de Expertxs Universitarixs en Xestión Cultural da USC. Con Marcos Lorenzo e Sergio Lago, directores do curso, e autoras/es.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación da obra A fada pirata e representación teatral. Gañadora do Premio O Facho de Teatro. Edicións Fervenza. Con Estefanía Bustabad, Pablo Nuñez, Carlos Labraña e Paula Castro.
20:00 h. Espazo Libro. Presentación dos libros do Ciclo dos elementos: Xerais. A escritora María Reimóndez conversa coas súas lectoras; Ánxela Lema: En vías de extinción, Montse Dopico: Dende o conflito, Mercedes Peón: A música dos seres vivos, Montse Paz: As cousas que non queremos oír.
20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Antía Yáñez, autora de Senlleiras e Anna R. Figueiredo, autora de Os bicos feridos, publicadas en Galaxia.
21:30 h. Auditorio Pazo da Cultura. Sofía e as Postsocráticas. Inversa Teatro. Preestrea. Directora: Marta Pérez. Con María Roja, Silvia Penas e Marta Pérez. Espectáculo especial: prezo 10€. Entradas en Ticketea.

As coproducións do CDG, o cine a as propostas para público infantil protagonizan a oferta do Salón Teatro ata fin de ano

Desde Agadic:
Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, espectáculo da compañía de circo Pistacatro coproducido co Centro Dramático Galego (CDG), ofrecerá hoxe e mañá, ás 20,30 h., as súas dúas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago. A montaxe dirixida por Quico Cadaval a partir da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín é a primeira das inseridas na carteleira trimestral da sede do CDG.
Aquí poderán verse ata final de ano outras dúas coproducións da compañía pública, as proxeccións do festival Cineuropa e o ciclo Gran teatro para os máis pequenos, entre unha ducia de propostas. Así, este mesmo domingo 21, ás 18,30 h., o Salón Teatro será o escenario da función de clausura da vixésimo terceira edición do Festival Internacional Galicreques coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El oso que no lo era, un espectáculo de monicreques de mesa recomendado para nenas e nenos a partir dos cinco anos de idade.
De novo no ámbito das coproducións, do 25 ao 28 de outubro regresará a este espazo compostelán Elisa e Marcela, que a Panadaría xa representou aquí hai un ano tras desenvolver unha residencia artística de 20 días. O espectáculo, que aborda a historia da voda entre dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901 como o primeiro casamento homosexual do que se ten constancia en España, volve a Santiago precedida do éxito de público da súa ampla xira e dos seus múltiples recoñecementos nos Premios María Casares de Teatro, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e no Festival de Teatro Galego do Carballiño, entre outros.
Estrea galega
O programa de coproducións do CDG conta cunha terceira montaxe nesta carteleira trimestral, no marco da que a compañía de Pablo Fidalgo ofrecerá a estrea galega de Anarquismos (Polo medio da habitación corre un río máis claro) o venres 2 de novembro. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio no contexto de calquera grupo de amigos ou familiares, que poderá verse ata o 4 de novembro neste escenario, onde se presenta tras a súa estrea o 23 de outubro no festival Bilbao Antzerki Dantza (BAD).
Anarquismos dará paso á trixésimo segunda edición de Cineuropa, que un ano máis converterá o Salón Teatro nunha sala de cinema como unha das sedes deste festival internacional. Será case un mes de proxeccións, tras as que o circo regresará á carteleira para pechar novembro o día 30 coa montaxe Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará co espectáculo de danza Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2 para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; e Soños, do grupo de teatro afeccionado da Asociación Down Lugo, o día 19.
Como en anos anteriores, a programación de 2018 na sede do Centro Dramático Galego chegará ao seu fin co ciclo de Nadal Gran teatro para os máis pequenos, que desta volta presenta as montaxes Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro, ademais dunha serie de obradoiros para que os nenos e nenas teñan a oportunidade de coñecer de preto os diferentes oficios teatrais.
Na imaxe, Anarquismos. Fotografía: Alipio Padilha.”

Catro espectáculos e un ‘pitching’ de 10 proxectos pechan en Santiago a sexta edición de Galicia Escena PRO

Desde Agadic:
“O mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Agadic, remata mañá a súa sexta edición cos catro últimos espectáculos en cartel e a exposición, en primicia para os máis de 200 profesionais acreditas, dos novos proxectos nos que están a traballar 10 compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.
Esta cuarta e última xornada de actividade arrancará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, un dos catro escenarios de Santiago de Compostela nos que se está a celebrar o encontro desde o pasado luns. Será coa montaxe de monicreques Soñando a Pinocho, da compañía madrileña La Tartana, que –ao igual que o fará esta tarde La Estampida– preséntase aquí grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e MADferia.
Tamén na Fundación SGAE a partir das 12,15 h., levarase a cabo a sesión de ‘pitching’ coa que, por cuarto ano consecutivo, se busca impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais da súa produción. Como en anos anteriores, 10 compañías avanzaranlles en primicia aos programadores acreditados os seus novos proxectos: In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas, e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.
Presentacións profesionais
A xornada da tarde iniciarase ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación de Residencias del Paraíso, programa de impulso da creación no ámbito das artes do movemento promovido polo Colectivo RPM co apoio económico da Agadic e a colaboración de diferentes espazos escénicos de toda Galicia.
O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. co espectáculo de danza urbana La soledad de Wally, da compañía emerxente Elahood, no Auditorio Abanca. Ás 19,30 h. chegará a quenda de Eme2 Producións con A Leituga (na imaxe) no Teatro Principal, mentres que Ibuprofeno Teatro será o grupo encargado de pechar esta sexta edición con Casa O’Rei, que subirá ás táboas do Salón Teatro ás 22,00 h..
Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro e danza de 19 compañías (17 galegas e dúas de Madrid) e que congregaron máis de 200 axentes culturais, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.
Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.”

Quiosco: Revista Galega de Teatro, 71

“No marco da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presentouse o número 71 da Revista Galega de Teatro. Esta publicacion editada pola asociación cultural Entre Bambalinas mantense fiel ás súas seccións habituais. Así, no último volume, Inma López Silva entrevista a Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego, para falar do teatro institucional; inclúese o texto O principio de Arquímedes, de Josep Maria Miró Coromina (Premi Born del Cercle Artístic de Menorca) na sección para difundir a dramaturxia en galego; así como críticas dos espectáculos Kamouraska, de Inversa Teatro e Malena llena eres de gracia, de Compañía das Marías, xunto coas crónicas das Mostras de Teatro Universitario de Vigo e Ourense, o ALT 2012 e a Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas de Xixón.” Vía Cultura Galega.

Santiago: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O venres 27 de maio, ás 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, representación da peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa), que actuarán en directo.