Desde o Concello de Valga:
“Dous traballos sobre rituais protectores e máxicos tanto a nivel autonómico como local son os gañadores do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, un certame que busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e que o Concello de Valga convoca dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto da vila e insigne figura da cultura galega.
O 30 de xullo, no día no que se cumpren 111 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo, dase a coñecer a decisión do xurado que se reuniu o pasado 21 de xullo na Casa do Concello e que, presidido polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, estivo integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Municipal de Ourense, técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia e neto de Xesús Ferro Couselo; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuou José Ramón Rial Becerra, membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.
Na primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte, o gañador foi o antropólogo Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971). Concorreu ao certame baixo o lema “Vade Retro” e coa investigación titulada Ritualista protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega. Fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Rafael Quintía xa se proclamou gañador no ano 2015 do XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co traballo “Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega” e no 2016 gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra “Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia”. A esta modalidade da XVIII edición do Premio presentáronse, ademais, outros dous traballos: O auxe do priscilianismo na Gallaecia trala decapitación de Prisciliano e Orixe e evolución da fortaleza baixomedieval das Torres de San Paio.
No tocante á segunda modalidade do certame, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, o xurado decidiu premiar a proposta titulada A veiga máxica. Rescate da cosmovisión popular no municipio de Valga, co que a autora, a xornalista Natalia Sueiro Monje (gañadora do VII Premio Internacional de Periodismo Álvaro Cunqueiro, entre outros certames xornalísticos e literarios), pretende abordar cuestións espirituais e máxicas que formaron o imaxinario popular da vila no seu pasado recente. Neste caso a investigación non está aínda realizada, xa que os participantes tiñan que presentar un guión razoado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entrégase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto. A esta segunda modalidade do XVIII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo concorreron un total de catro propostas. Á marxe da gañadora, as outras tres estaban centradas nas seguintes temáticas: a vida e obra de José Bouchet, pintor nado en Valga e emigrado na Arxentina, os anos da Segunda República no municipio e o catastro en Valga.
Ademais de debater sobre os traballos presentados ao concurso, na reunión do xurado non faltaron palabras de lembranza para Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía e membro da Real Academia Galega falecido en 2016 e que formou parte do tribunal do Premio Xesús Ferro Couselo dende as súas primeiras edicións. A acta da sesión recolle, así pois, “un recoñecemento especial á figura do profesor Fernando Acuña, que tristemente nos deixou o ano pasado”, engadindo que “posiblemente moita da sona e prestixio que ten hoxe en día este premio de investigación débese ao labor e adicación que don Fernando lle dedicou ao longo da súa vida. Hai que recordar que formou parte de todos e cada un dos tribunais dende a primeira convocatoria do premio aló polo ano 1996”.
O Concello trasladou a noraboa aos dous gañadores, felicitándoos pola calidade dos seus traballos.”