Rafael Quintiá Pereira gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016

Desde Galaxia:
“A obra Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia, de Rafael Quintía Pereira resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016, que organizan conxuntamente a Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 30 de decembro de 2016, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e será publicado pola Editorial Galaxia durante o próximo ano, trata o tema da apropiación por parte do cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia. O ensaio está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas. Estas transformacións converteron os espazos, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares de culto cristián. Valórase asemade a inserción do ensaio nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos, documentando unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galicia.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona Marilar Aleixandre, Don Luís Alonso Girgado, Don Uxío Labarta Fernández, Dona Inma López Silva e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos seis orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles. (…)”

No reino da mourindade, por Armando Requeixo

Recensión de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.
Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.
Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.
Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.
A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.
Por último, Suárez López disertou sobre Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.
O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o Seminario de conclusións, os Datos biográficos dos/as intervinientes, un mínimo Apéndice fotográfico e unha sucinta Bibliografía.
Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.”

Pontevedra: presentación de Para cantar veño eu!, de Rafael Quintiá Pereira

O venres 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), o Ateneo de Pontevedra organiza a presentación do libro Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos, de Rafael Quintía Pereira, publicado pola Sociedade Antropolóxica Galega e a A. C. Os Chichisos. No acto, acompañando ao autor, participan Rosalía Rodríguez e Paz Castro.