Miguel Sande: “Hai que escoitar aos vellos”

Entrevista a Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Esta [A vida fóra] é a historia de alguén que non fai outra cousa que observar?
– Miguel Sande (MS): Xurdiu así desde o primeiro momento. Está escrita desde a perspectiva dunha observadora, unha muller vella que mira como suceden cousas comúns. É un personaxe inspirado na miña avoa, nos seus últimos anos. Ela falaba e eu escoitaba.
– LVG: Tamén é unha obra contada minuto a minuto.
– MS: Transcorre nunha tarde e esa é outra das circunstancias dos vellos que observan. Eu quería que o tempo fose real.
– LVG: ¿O libro tamén é unha reivindicación das persoas maiores?
– MS: Hai que escoitar aos vellos. Eles son a maioría, pero témolos arrecunchados. Non é un texto para vellos nese sentido, pero si que é un texto que quere romper coa visión prototípica que ten a sociedade dos vellos, porque os miramos tristes ou insignificantes, pero están moi lonxe deles. A protagonista di que quere morrer, pero pinta as uñas. É unha contradición que deixa claro que son moito máis vitalistas e teñen máis enerxía do que moitas veces parece. Eles falan como se xa non houbera máis que facer, pero logo a súa actitude é moi diferente. Esa contraposición quería contala.”