“O Teatro Rosalía Castro da Coruña reflexiona sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a golpe dun singular humor ácedo e absurdo coa estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir. A peza poderá verse na sala herculina o venres 26 de xaneiro, ás 20.30 h, coas entradas xa á venda a través da plataforma online Ataquilla (venta de entradas aquí) e no despacho de billetes da Praza de Ourense.
O texto de Non é unha canción foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O galardón supón a estrea do espectáculo no Teatro Rosalía Castro este mes de xaneiro. A posta en escena da peza conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración de ACT Galicia.
Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas. A formación traballa para crear un espazo de encontro e de experimentación lúdica. Interésalle aquilo que está fóra do entendemento racional e da lóxica psicolóxica. A intuición, o azar, as artes do movemento e a súa combinación coa palabra son algúns dos eixos que vertebran o seu traballo. Souvenir procura unha forma de estar no mundo improdutiva, inútil e festiva. Aos seus creadores e performers encántalles recoller estímulos accidentais da rúa, aos que chaman “souvenires”, e que son a materia prima das súas pezas.”