O Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo sobre a figura de Eduardo Pondal Fillos do sol

Desde Agadic:
“O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta semana a Contraproducións con sete pases do espectáculo Fillos do sol, unha proposta escénica de Cándido Pazó arredor da figura do escritor Eduardo Pondal e do seu poema épico Os Eoas. Serán catro funcións para público xeral, do xoves 9 ao domingo 12, e outras tres dirixidas a escolares, nos días lectivos.
A compañía galega presenta esta montaxe no centenario da morte do autor de Ponteceso, un dos piares literarios do Rexurdimento Galego, e faino achegándose á súa vida e obra a través dunha produción que mestura realidade ficcionada e fabulación dramática.
Interpretado por César Cambeiro, un Don Eduardo xa octoxenario e comesto pola neurose, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación, Eduardo, que non é outro que el mesmo cando comezaba de mozo a súa carreira literaria. Adrián Ríos é o actor que se pon neste papel, formando parte dun elenco que completa Alba Bermúdez como Rosa, a criada da pensión na que o bardo pasou a última etapa da súa vida.
O traballo actoral é un dos principais reclamos desta montaxe, xa que se presenta como un elaborado exercicio de interpretación ao servizo dun texto, dunha lingua e duns personaxes. O espectáculo conta tamén cunha coidada iluminación, obra de Afonso Castro, e cunha música orixinal composta por Guillerme Fernández que lle dá vida sonora ás emocións e ao ritmo escénico.
Con dúas tramas entrelazadas e ritmos cambiantes, Fillos do sol combina momentos de reflexión (sobre a historia e a creación literaria, a lingua e a identidade colectiva), de  comicidade (da expresión e da sabedoría popular), e de emoción (pola tenrura das relacións humanas).
A venda anticipada de entradas para as funcións de público xeral (xoves, venres e sábado ás 20,30 h. e domingo ás 18,00 h.) está xa dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.”