Desde Galicia Confidencial:
“Aldara García Solar foi a gañadora da quinta edición do concurso de relatos científicos Inspiraciencia, do CSIC, na categoría xuvenil de texto en galego. Aldara, filla da popular escritora e presentadora da TVG María Solar e estudante de 4º de ESO no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, fálanos nesta entrevista da súa experiencia e das súas aspiracións. (…)
– Galicia Confidencial (GC): Que supuxo para ti gañar este premio de Inspiraciencia?
– Aldara García Solar (AGS): Foi unha gran ledicia. A verdade é que anima moito e é unha recompensa. Ademáis fun recoller o premio a Barcelona nunha cerimonia moi emocionante na que houbo un cabaret musical-científico. Foi todo moi divertido. (…)
– GC: En que te inspiraches para crear a túa historia?
– AGS: Coincidiume que cando escribín o relato estabamos a facer un artigo periodístico na clase sobre o cambio climático, e pareceume un asunto importante que quixen reflectir no meu conto como algo que pode levar á destrución do planeta nun futuro non tan lonxano. (…)
– GC: Cres que están moi afastadas as ciencias e as letras?
– AGS: Non tanto como a xente pensa. Ísto pódese ver nos relatos de Inspiraciencia, que son unha mestura das dúas. Tanto ciencias como letras son necesarias na vida cotiá, e en case todos os traballos é necesario saber manexar tan ben unhas coma outras, por exemplo se es presentador e tes que facer unha entrevista sobre un novo descubrimento científico. (…)”
A AELG foi unha das entidades colaboradoras no Certame Inspiraciencia. Aldara García Solar, como gañadora, gozará dunha praza no obradoiro de creación literaria LiteraTela.