Aldara García Solar: “Tanto as ciencias como as letras son necesarias na vida cotiá”

DesdeAldara García Solar Galicia Confidencial:
“Aldara García Solar foi a gañadora da quinta edición do concurso de relatos científicos Inspiraciencia, do CSIC, na categoría xuvenil de texto en galego. Aldara, filla da popular escritora e presentadora da TVG María Solar e estudante de 4º de ESO no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, fálanos nesta entrevista da súa experiencia e das súas aspiracións. (…)
– Galicia Confidencial (GC): Que supuxo para ti gañar este premio de Inspiraciencia?
– Aldara García Solar (AGS): Foi unha gran ledicia. A verdade é que anima moito e é unha recompensa. Ademáis fun recoller o premio a Barcelona nunha cerimonia moi emocionante na que houbo un cabaret musical-científico. Foi todo moi divertido. (…)
– GC: En que te inspiraches para crear a túa historia?
– AGS: Coincidiume que cando escribín o relato estabamos a facer un artigo periodístico na clase sobre o cambio climático, e pareceume un asunto importante que quixen reflectir no meu conto como algo que pode levar á destrución do planeta nun futuro non tan lonxano. (…)
– GC: Cres que están moi afastadas as ciencias e as letras?
– AGS: Non tanto como a xente pensa. Ísto pódese ver nos relatos de Inspiraciencia, que son unha mestura das dúas. Tanto ciencias como letras son necesarias na vida cotiá, e en case todos os traballos é necesario saber manexar tan ben unhas coma outras, por exemplo se es presentador e tes que facer unha entrevista sobre un novo descubrimento científico. (…)”

A AELG foi unha das entidades colaboradoras no Certame Inspiraciencia. Aldara García Solar, como gañadora, gozará dunha praza no obradoiro de creación literaria LiteraTela.

Xa se coñece a listaxe de gañadores/as e finalistas do V Premio de relatos de inspiración científica Inspiraciencia

O11538073_930183787045781_9026578350718148952_o 25 de xuño tivo lugar na biblioteca da Sagrada Familia, en Barcelona, o fallo da quinta edición do V Concurso de relatos de inspiración científica Inspiraciencia, no que colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Por parte da AELG foi Sonia Varela Pombo, profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, quen fixo parte do xurado, que tivo en conta a orixinalidade de ideas, así como o contido literario e científico.
En galego resultou gañador na categoría de adultos José de la Sota Rius con “Lección de Anatomía”, sendo finalista “A catro anos de aquí” de Benigno Yáñez Pérez.
Na categoría xuvenil o primeiro premio foi para o relato “Cando mañá non exista”, unha visión apocalíptica da Terra, da autoría de Aldara García Solar, e foron finalistas “A danza” de Sabela Domínguez Souto e “O inverno e as rosas” de Ángela Lamas Gómez.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega premia os gañadores cunha praza no obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG que escollan.
Máis información aquí; fotos, aquí.

Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona a ciencia e a literatura dunha forma lúdica e participativa. A ciencia e a literatura recorren á creatividade para encarar novos retos e combinadas poden xerar novas e frescas ideas en direccións imprevisibles. Inspiraciencia pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia, desde a ficción.
Pode participar calquera persoa que presente un relato orixinal -en calquera das linguas do concurso (catalán, español, éuscaro ou galego)- que estea inspirado nunha temática científica.